A oposición insiste na "reforma" da Risga por ser "incompatible" con outras prestacións sociais

A Xunta asegura que a modificación da lei de inclusión, que "sofre un atraso", "atenderá ás suxestións" recibidas 

A portavoz do BNG, Montserrat Prado, durante a comisión. DP
photo_camera A portavoz do BNG, Montserrat Prado, durante a comisión. EP

Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia –En Marea, PSdeG e BNG– volveron reclamar este mércores unha "reforma" da renda de integración social de Galicia (Risga), posto que, segundo denunciaron, é "insuficiente" e "incompatible" con outras prestacións. 

Así o expresaron os representantes destes partidos na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego, na que compareceu o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, para defender as medidas incluídas na Axenda Social de Galicia, un texto aprobado en 2016 "en coordinación" coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e outras entidades. 

Durante a súa intervención, a portavoz do BNG, Montserrat Prado, pediu ao Goberno galego que a iniciativa actúe "na realidade de Galicia" porque, ao seu modo de ver, os colectivos nos que "pon o foco" a Axenda Social son aos que "non lles chega a saída da crise". 

E é que, segundo as súas cifras, a renda media dos fogares galegos "non supera" os 1.049 euros, unha cifra "menor que en 2009". Así mesmo, Prado situou o risco de exclusión social en torno ao 25%, á vez que sinalou que a galega é unha das autonomías "con menor calidade de vida". 

"O conselleiro de Política Social non consegue frear esas desigualdades, que non fan máis que aumentar", asegurou Prado, para despois subliñar que a Risga sofre "demoras", é "insuficiente" e ten "moitas barreiras".

UN "SUDOKU BUROCRÁTICO". Pola súa banda, a portavoz do PSdeG na comisión, Noela Blanco, criticou os "atrasos" da resolución da prestación e o procedemento de solicitude, que a denominou "sudoku burocrático". 

Segundo cifras ás que se referiu, a pobreza laboral en Galicia é dun 7,5%, o que supón que máis de 127.000 galegos teñan traballo pero estean en situación de precariedade. "A Risga non foi capaz de dar resposta a estes novos perfís de pobreza", censurou. 

Por En Marea, a parlamentaria Paula Vázquez Verao incidiu no "fracaso inmediato" da prestación porque existe, segundo asegurou, un "crecemento de diferentes gretas" entre xéneros, idades e clases sociais. 

Así mesmo, apuntou á "falta de coordinación" entre política social e emprego e preguntou "cando se vai a publicar" o decreto que complementará a lei de inclusión social de Galicia –dentro da que se inclúe a Risga–, cuxa tramitación foi iniciada pola Xunta fai case seis meses. 

Vázquez Verao tamén censurou que esta prestación "non chega" ao un por cento do PIB galego, mentres a media Europea "sobe do dous por cento". Por iso, a parlamentaria cualificou á Risga de "manifestamente insuficiente" cos "novos perfís de pobreza". "Cando se accede a un emprego precario, o percibido descóntase da Risga", exemplificou.

"DOCUMENTO DE CONSENSO". Durante a súa intervención, a portavoz do PP na comisión, Marta Rodríguez, erixiu á Axenda Social nun "documento de consenso que contempla actuacións importantes" en materia de inclusión, polo que dixo que lle resulta "difícil de entender" que os demais grupos a consideren "unha axuda condenada ao fracaso". 

Ao seu modo de ver, a Xunta fixo un "esforzo" desde 2015 ao reducir, segundo os seus números, un 43% o prazo de resolución da Risga e ao aumentar en cinco millóns de euros os fondos destinados a esta prestación, de modo que "permitirá atender a todas as solicitudes". 

"Se a Xunta incrementa o orzamento, cumpre cos prazos, diminúe o tempo de resolución... Cal é o problema?", preguntou á vez que criticou a algunhas administracións locais como a de Vigo, dirixida polo socialista Abel Caballero, por "tardar cinco meses" en realizar os expedientes da renda de inclusión e por "non contratar persoal" a este efecto. 

A isto respondeu a deputada do PSdeG, quen declarou que a cidade olívica é a urbe galega "onde máis solicitudes de Risga hai, o dobre que na Coruña". 

"Explique como se pode mesturar que haxa coordinación cos municipios e logo pedirnos que falemos cos nosos representantes nesas institucións. Non falan cos alcaldes que non son da súa cor política?", espetou Blanco aos populares.

UN 9% MÁIS EN 2018. Así, o director xeral de Inclusión Social afirmou que "hai consistorios que non realizan as contratacións" de persoal, á vez que defendeu que os orzamentos da Xunta en política social aumentaron nun 9% en 2018, mentres os da Administración autonómica o fixeron nun 2,2%. 

Sobre os números aos que se referiron o resto de partidos durante as súas intervencións, Parrado dixo ter "a impresión de que cada un escolle os datos que lle interesa". Así, celebrou que, durante 2017, as solicitudes da Risga diminuíron un 9%. "Non son datos optimistas, nin moito menos, pero está lonxe desa situación tan dramática que describen o resto de grupos", esgrimiu. 

En canto á reforma da lei de inclusión social, admitiu que sufriu dun "atraso", pero insistiu en que o decreto "atenderá ás suxestións e alegacións" recibidas pola Consellería e que contemplará a compatibilidade desta renda con empregos a tempo parcial. 

Comentarios