A oposición pedirá unha auditoría a Povisa e que compareza o conselleiro de Sanidade

Os responsables do hospital vigués solicitaron o preconcurso de acredores

Entrada del Hospital Povisa. DP
photo_camera Entrada do Hospital Povisa. DP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou este luns que os grupos da oposición no Parlamento de Galicia van solicitar a comparecencia do titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para que dea explicacións sobre o concerto co hospital Povisa, cuxos responsables solicitaron o preconcurso de acredores.

En rolda de prensa, a política nacionalista esixiu "transparencia" sobre a situación financeira de Povisa e explicou que reclamarán unha auditoría sobre o concerto coa Xunta "para saber realmente que está a pasar". Responsabilizou da situación que atravesa o hospital Povisa "á Xunta e ao PP", a cuxos responsables acusou de facer un deseño da área sanitaria de Vigo "para seguir mantendo un concerto multimillonario con Povisa".

Esta situación, expuxo, dixo que se apreciaba no deseño do Hospital Álvaro Cunqueiro ou na "infrautilización" do Hospital do Meixoeiro, e tamén no feito de que algunhas especialidades que se crearon, como a Unidade de Queimados ou o servizo de Maxilofacial, "só se prestan na atención privada". "Unha vez máis vemos como para o PP son máis importantes as portas xiratorias e os intereses privados que defender a sanidade e o dereito á saúde das persoas", afirmou Ana Pontón.

Sobre o contrato con Povisa, comentou que era "un dos concertos máis grandes que hai en todo o Estado español", e acusou á empresa de "chantaxear" a Galicia "utilizando aos pacientes que teñen ese hospital como referencia, e tamén aos traballadores e ás traballadoras". "A Xunta -engadiu- non pode ceder a esa chantaxe porque isto é un conto que pasa cada poucos anos en Vigo".

Do potencial deste grupo empresarial, a líder do BNG sostivo que en 2017 duplicou os seus beneficios e que o seu propietario "é un dos homes máis ricos do Estado español".

Comentarios