Os funcionarios con nenos gravemente enfermos poderán reducir máis a súa xornada laboral

O Parlamento aproba unha iniciativa do BNG para equipara a lexislación galega á estatal

Unha comisión do Parlamento de Galicia aprobou este xoves proceder a unha modificación legal para reducir a xornada laboral aos funcionarios con fillos afectados por cancro e outras graves enfermidades, para adecuarse á normativa estatal.

A deputada do BNG Montse Prado, autora da iniciativa que foi aprobada por unanimidade, observou que a lexislación de carácter estatal establece a posibilidade de que os empregados públicos poidan reducir a súa xornada laboral a "polo menos a metade" para ocuparse dos seus fillos gravemente enfermos.

Con todo, indicou que unha normativa da Xunta de febreiro pasado "saltábase" a lexislación estatal, en contra do "principio de xerarquía normativo", e establecía que en Galicia, os empregados públicos nesa situación poderían reducir a súa xornada laboral "catro horas ou como máximo a metade".

Prado indicou recibir unha queixa nese sentido dun funcionario que, cando pediu estender ese período de redución laboral ante a Xunta, o departamento responsable do tema recoñeceu as discrepancias, pero non procedeu a corrixilo. "É inhumano ter que chegar ata aquí para rectificar", dixo a deputada aos demais membros da comisión parlamentaria autonómica.

O departamento de "Función pública -do Goberno autonómico- non puiden detectar un erro e logo non rectificalo", exclamou Prado, quen lamentou a escasa sensibilidade mostrada por parte dunha Administración pública, que considerou que debería actuar dun xeito exemplar.

A deputada de En Marea Paula Vázquez considerou que a Xunta estivo "cometendo unha ilegalidade" ao "quitar dereitos recoñecidos" aos funcionarios, e concluíu que "ou é unha errata ou un intento de fraude ao persoal da Xunta".

Os representantes do PPdeG votaron finalmente a favor da iniciativa, aínda que o deputado Jacobo Moreira argumentou na súa intervención que "a Xunta vai máis aló do mínimo que esixe a lei" ao sinalar que o horario dos funcionarios é de 7,5 horas e que, por iso, unha redución de 4 horas é "máis da metade".

Precisou incluso que actualmente hai seis casos de funcionarios que se acolleron a unha redución de xornada, dos cales catro á metade do tempo, é dicir o equivalente a 3 horas e 45 minutos diarios; outro a "máis de 4 horas" e un último a unha rebaixa "6 horas".

Moreira asegurou que "hai moitísima sensibilidade" na súa formación política cara a esas persoas e recoñeceu que a normativa galega podería conter "algunha discrepancia" na "interpretación", polo que afirmou que xa estaba prevista unha "modificación desas instrucións". Así, a súa formación accedeu a votar a favor da iniciativa tras acordar unha modificación do texto inicial co BNG.

Comentarios