Os presidentes de Adif e Renfe comparecerán no Congreso polo accidente de tren do Porriño

"Se alguén pretende facer política disto será bastante rastrero", indicou este luns o ministro Rafael Catalá
Después del accidente, los servicios de emergencia recataban a los heridos, que en parte fueron asistidos en la estación
photo_camera Después del accidente, los servicios de emergencia recataban a los heridos, que en parte fueron asistidos en la estación

Os presidentes de Adif e de Renfe comparecerán no Congreso dos Deputados para explicar as circunstancias e toda a información sobre o accidente ferroviario do pasado venres 9 de setembro na localidade pontevedresa do Porriño, segundo anunciou este luns o ministro de Xustiza e Fomento en funcións, Rafael Catalá.

En declaracións a RNE, recollidas por Europa Press, Catalá dixo que de momento non contempla comparecer el tamén no Parlamento. "Non o descarto, non teño ningún problema de comparecer, pero consideramos que, vendo os antecedentes e a magnitude do accidente, o nivel adecuado neste momento está nos presidentes de Adif e Renfe", explicou, para despois engadir que a petición de comparecencia rexistrarase este luns.

O ministro sinalou que aínda non se coñecen as causas exactas do sinistro, no que faleceron catro persoas, e que "o sensato" é non anticipar acontecementos e non especular sobre se o tren descarrilou a consecuencia da velocidade. Neste sentido, recordou que se puxeron en marcha distintos niveis de investigación. Por unha banda, a da comisión de accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento, conformada por "expertos de sobrada cualificación" e, doutra banda, a xudicial, na que a xuíza encargada do caso solicitou informes periciais adicionais.

RAZOABLE QUE HAXA PERITOS INDEPENDENTES. Para o ministro en funcións, que asumiu a carteira de Fomento cando Ana Pastor foi proposta para ser presidenta do Congreso, é "razoable" e "moi lóxico" que a xuíza pida a análise de peritos independentes, xa que ten que facer unha instrución penal dun caso que non coñece".

Á pregunta de se ve intencionalidade política en buscar paralelismos entre este accidente e o de Angrois hai tres anos, Catalá respondeu que estivo en contacto cos diferentes partidos políticos e que todos acordaron que "o primeiro son as vítimas". "Xa chegará o momento de saber que sucedeu e se hai responsabilidade seremos os primeiros de estar á fronte. Se alguén pretende facer política disto, sería bastante rastrero e impropio", afirmou.

Comentarios