O Parlamento galego designa senadores a Muñoz, Vázquez e Sande

O grupo de En Marea senta xunto por última vez, á espera de que o xoves se oficialice a ruptura

Votación de este martes en el Parlamento gallego. AGN
photo_camera Votación deste martes no Parlamento galego. AGN

O Parlamento de Galicia designou este martes senadores autonómicos aos populares Elena Muñoz e Jesús Vázquez e ao coruñés José Manuel Sande (En Marea), nun pleno extraordinario que transcorreu sen sobresaltos.

De feito, a sesión, de apenas dez minutos, estivo marcada polo minuto de silencio polo falecemento do deputado socialista de Ourense Raúl Fernández, a toma de posesión da parlamentaria popular Jacqueline Fernández e, sobre todo, o morbo ao redor do grupo de En Marea, que oficialmente senta xunto por última vez antes de que o xoves se oficialice a ruptura e a creación do grupo mixto.

Os tres senadores saíron elixidos con 62 votos a favor e 8 abstencións —faltaban algúns deputados— e só Sande presenciou a sesion desde a tribuna, xa que os exconselleiros e excandidatos municipais de Vigo e Ourense, Muñoz e Vázquez, non acudiron.

En declaracións aos xornalistas en Lugo, o presidente do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este martes que o seu partido fixo o "correcto institucionalmente" na designación de senadores no Parlamento de Galicia, independentemente da crise pola que atravesa En Marea. A partir de aí, desexou que a formación sexa "útil" para o normal desenvolvemento da lexislatura porque o que menos se precisa, ao seu xuízo, é "inestabilidade".

Comentarios