Patadas, puñadas, cadeiras voando... así foi a brutal agresión nas piscinas do Corgo

Catro persoas resultaron feridas nun ataque por vinganza

Catro persoas tiveron que ser atendidas este domingo no Hula con feridas causadas por un grupo de persoas que protagonizaron un ataque na piscina do municipio lucense do Corgo, supostamente por vinganza, xa que hai uns días non lles deixaron entrar co pretexto de que estaba o recinto cheo. Os feridos son o dono do bar da zona de baño de Chamoso, dous irmáns de Castroverde, carniceiros de profesión, e unha cuarta persoa.

Os feitos ocorreron ás sete da tarde deste domingo. Os agresores presentáronse na terraza do bar, situada á beira da piscina, e comezaron a increpar ás persoas que se atopaban alí. Entón desencadeouse unha pelexa, na que os atacantes usaron paus —ao parecer incluso barras de ferro—, co cal a peor parte levárona as vítimas.

A Garda Civil presentouse no lugar do suceso pouco despois, pero os agresores xa fuxiran. O alcalde indicou que o Concello se expón contratar o ano próximo seguridade privada, ante a gran afluencia de público nas piscinas e a experiencia deste ano cos incidentes.

O episodio do domingo recorda, en certo xeito, ao ocorrido en 2014 na feira de Adai, tamén no Corgo, cando varios dos organizadores foron agredidos a paus por un grupo de persoas que protestaban porque non lles deixaron apuntarse ao concurso de rodeo. Naquela ocasión foron detidos días máis tarde e xulgados e condenados.