"As políticas son estériles sen xente como o premiado"

O doutor Paz-Ares di que o reto no cancro é ir cara á atención personalizada

O doutor galego recibiu en Santiago o premio de oncoloxía Ramiro Carregal polo seu labor no tratamento dos diferentes tumores de pulmón, con importantes avances nos últimos anos
El empresario Ramiro Carregal, el presidente de la Xunta, Núñez Feijóo, y el doctor Luis Paz-Ares
photo_camera El empresario Ramiro Carregal, el presidente de la Xunta, Núñez Feijóo, y el doctor Luis Paz-Ares

O oncólogo Luis Paz-Ares Rodríguez recolleu este martes no Hostal dos Reis Católicos de Santiago o sexto Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal. No seu discurso de agradecemento, o galardoado, xefe do servizo de Oncoloxía Médica no Hospital Universitario 12 de Outubro, recordou que o cancro é "un importante problema de saúde pública en todo o mundo" cuxo maior reto está en poder trasladar a cada paciente os coñecementos e tecnoloxías dispoñibles e ir cara a unha atención personalizada.

O doutor, especialista en cancro de pulmón, explicou que este tumor "segue sendo a principal causa de incidencia e mortalidade por cancro en todo o mundo" a pesar dos avances rexistrados en oncoloxía de precisión e en novas tecnoloxías, que permitiron "coñecer o perfil molecular dos tumores e a identificación de novas dianas para o desenvolvemento de fármacos, o descubrimento de marcadores capaces de predicir que pacientes van responder a unha determinada terapia, e a creación de equipos multidisciplinares para a programación e execución diagnóstica e terapéutica". Paz-Ares explicou que na actualidade coñécese "un número relevante de dianas terapéuticas en cancro de pulmón" e disponse de "medicamentos eficaces".

A maior dificultade radica en ofrecer "a cada paciente diagnosticado o acceso, en condicións de equidade, a unha análise de fármaco-diagnóstico con adecuados controis de calidade que permita guiar oportunamente o plan terapéutico". Unha cuestión con máis dificultades organizativas que económicas, segundo o especialista, e que marcará a futura abordaxe desta enfermidade, que aínda ten pendente un longo camiño.

Pola súa banda, o empresario Ramiro Carregal mostrouse agradecido por poder pór o seu "granito de area" na loita contra unha enfermidade que sufriu en carne propia e na de familiares moi próximos. Así, recordou ao premiado deste ano, co que comparte orixe, "a marabillosa terra de Arousa, concretamente Vilagarcía", onde naceu e conserva "bos amigos e mellores recordos".

Comentarios