Piden 8 anos para un membro de RG por fabricar un explosivo

O fiscal Marcelo Azcárraga pediu hoxe 8 anos de cárcere para o membro de Resistencia Galega Eduardo Vigo por confección dun aparello explosivo con finalidade terrorista, xuízo ao que se enfrontou na Audiencia Nacional dúas semanas logo de ser condenado a 18 anos de cárcere por pertenza a un grupo terrorista.

Os feitos polos que Vigo, de 28 anos, foi xulgado hoxe de novo na Audiencia Nacional remóntanse ao 14 de decembro de 2007 cando foron detidos nun vehículo dos independentistas galegos, José Manuel Sánchez Gorgas e o irmán do acusado Santiago Vigo, transportando un artefacto explosivo, feitos polos que ambos xa foron condenados a catro anos de cárcere.

No coche no que viaxaban ambos apareceu unha luva de látex da que se extraeron as impresións dixitais de Vigo e na vista, un dos gardas civís que instruíu esta causa, destacou que o artefacto fora confeccionado con PVC, material co que traballaba o acusado, que se dedicaba á instalación de calefaccións.

Durante a vista oral, Vigo, que non viaxaba nese coche cando foi incautado o artefacto, negou a súa participación nos feitos e alegou que as luvas achadas no vehículo púidoas coller o seu irmán da súa casa e por esa razón contiñan as súas pegadas.

A Audiencia Nacional condenou o pasado 12 de setembro a Vigo e a outros tres integrantes de Resistencia Galega polos delitos de integración en banda terrorista, tenencia de explosivos e falsificación, na que supuxo a primeira sentenza a membros deste grupo por pertencer a un grupo terrorista.

Eduardo Vigo foi detido o 30 de novembro de 2011 nunha peaxe da AP-9, á altura da localidade de Teo (A Coruña), cando ía nun coche que contiña tres artefactos explosivos que estaban, segundo a citada sentenza, "preparados e temporizados para a súa explosión", e que lle entregou outro dos condenados, Roberto Rodríguez.

Segundo expuxo o fiscal, Santiago Vigo Domínguez e José Manuel Sánchez Gorgas foron detidos en 2007 ao ser sorprendidos nun vehículo cando estaba aparcado á altura do quilómetro 79,800 da estrada AC-550, dirección Porto do Son-Noia (A Coruña).

No rexistro do coche os axentes da Garda Civil atoparon debaixo dos asentos unha mochila que contiña un papel coa frase "Perigo bomba" e outra con dous reloxos espertadores "modificados polo axuste de dous enchufes e dous rolos de cinta illante".

Tamén había no maleteiro un artefacto explosivo cun dispositivo de iniciación pirotécnico, oito carcasas pirotécnicas que contiñan uns 580 gramos de pólvora, cinco aerosois de gas butano e 384 gramos de metralla consistentes en 29 anacos de varilla metálica.

Segundo o representante do Ministerio Público, os acusados pensaban colocar o dispositivo, coa finalidade de estouralo, nunha zona de chalés da entidade Promar, próxima ao lugar onde foron detidos, "como acto de apoio á campaña 'contra a especulación inmobiliaria' iniciada pola organización terrorista Resistencia Galega".

Comentarios