Piden máis de dez anos de cárcere para un acusado de abusar dos seus fillos en Ourense

A Fiscalía asegura que o pai lles deu un "un trato vexatorio" durante máis dun ano para "menoscabar a súa integridade física e psíquica" 
 

A Fiscalía solicita unha pena de dez anos e medio de prisión e a privación da patria potestade para un home acusado de exercer violencia habitual e malos tratos no ámbito familiar sobre os seus dous fillos menores e abusar sexualmente de forma continuada da menor en Ourense. 

Así mesmo, solicitou a privación do dereito á tenencia e porte de armas durante 10 anos, a prohibición de exercer calquera profesión que leve un contacto con menores durante 10 anos, e a prohibición de comunicarse e achegarse a menos de 300 metros da súa filla durante 17 anos e do seu fillo durante sete. 

Segundo recolle o escrito provisional de acusación, o procesado, con antecedentes penais non computables a efecto de reincidencia neste caso, "desenvolveu cara aos menores un trato claramente vexatorio coa finalidade de menoscabar a súa integridade física e psíquica" durante decembro de 2013 e marzo de 2015.

VIOLENCIA "PRÁCTICAMENTE A DIARIO". Neste período, no que os menores regresaron ao domicilio familiar e conviviron cos seus proxenitores, "non se puideron objetivar lesións en ningún dos casos" porque, segundo indica o Ministerio Público, "ninguén acompañou aos menores a un centro sanitario" para supervisar as posibles consecuencias do ocorrido. 

Os episodios tiñan lugar no domicilio familiar, onde o suxeito "practicamente a diario" exercía violencia física sobre os seus dous fillos, aos que lles propinaba golpes "en calquera parte do corpo". O pai chegou a usar "obxectos como unha corda, un pau, unha escoba ou o cinto" e a avoa dos nenos presenciou algún destes lances. 

De acordo co escrito fiscal, nunha desas ocasións, o procesado "golpeou ao seu fillo cunha escoba na cabeza argumentando que non recollera a cociña"; noutra, no Nadal de 2014, "pegou á súa filla cunha corda". 

Ademais, o suxeito pasou a noite varias veces "na mesma cama" que os menores e, cun "claro ánimo libidinoso", realizaba "tocamentos" á súa filla. A vista oral desenvolverase este luns na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense desde as 10 horas. 

Comentarios