Pilar Rojo: ''A defensa do galego é un camiño sen retorno''

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, manifestou hoxe que a defensa da lingua galega é "un camiño sen retorno" á hora de pór "en valor" a cultura desta comunidade e por iso proclamou que non é "intranscendente" que unha compañía como R sexa premiada co Celanova, Casa dos Poetas nesta edición.

O operador galego recibiu o XXIX premio polo seu compromiso, desde a súa fundación no ano 1998, na promoción e difusión do galego, converténdose así na primeira empresa en recibir esta distinción.

Neste sentido, Rojo asegurou que é "unha honra" entregar o premio Casa dos Poetas a esta firma, que aposta por chegar á excelencia a través da loita por defender "a nosa identidade, a nosa cultura", proclamou.

O acto contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero e persoas vinculadas ao mundo da cultura como o ex presidente da RAG Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas e o artista Acisclo Manzano.

A mesa encargada de decidir o gañador do premio, unha medalla de prata coa imaxe da fachada da casa de Curros Enríquez e as letras C (de Celanova, Casa, Celso, Curros), de Acisclo Manzano, estivo constituída, entre outros, pola presidenta do Parlamento, o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, o presidente da Fundación Curros Enríquez e Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega.

A cerimonia, que se iniciou no consistorio, coa firma no libro de honra da Fundación, proseguiu coa celebración dunha ofrenda floral fronte ao monumento de Celso Emilio con motivo do seu 34 aniversario.

Neste lugar, dous alumnos protagonizaron un recital de poemas de Celso Emilio e Curros Enríquez, antes de proseguir o seu percorrido ata o auditorio municipal, en compañía do grupo de gaitas municipal, onde se procedeu á entrega do premio.

O conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, subliñou antes da entrega deste galardón, que é "un orgullo" ser a primeira empresa premiada.

A Fundación Curros Enríquez recoñeceu por primeira vez a unha empresa, o que a xuízo de Dopico supón "un recoñecemento a esa aposta que tivemos polo uso da lingua galega" como vehículo de expresión, algo "pouco habitual", engadiu, nun sector como é o tecnolóxico.

O conselleiro delegado engadiu que as dúbidas iniciais que puideron xurdir coa irrupción dunha operadora que realiza as súas campañas en galego "quedaron fóra", entre outros motivos, "pola calidade dos produtos, a atención ao cliente e o prezo". "O uso de galego só ten unha connotación positiva", reivindicou Dopico, quen animou ao resto de empresas a utilizar o galego como lingua vehicular, a fin de que a lingua "vaia adiante" en todos os ámbitos da sociedade.  Neste sentido, Rojo proclamou que tanto a clase política como o resto de sectores "temos a tarefa de pór en valor a nosa cultura" en galego.

Comentarios