Pintan coa iconografía de Kiss unha das figuras da catedral de Santiago

Os vándalos debuxaron sobre unha representación da fachada de Platerías que será sacada con técnicas de láser

Pintadas en la figura de la fachada de Platerías. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Vandalismo en Platerías. (TWITTER \asesar81)

Unha das figuras da fachada de Platerías da catedral de Santiago amenceu este luns cunha peculiar pintada. Os vándalos, segundo se aprecia na fotodenuncia que difundiu en Twitter o usuario @asesar81, debuxaron uns bigotes e a lenda "kiss" nunha das representacións das columnas inferiores do conxunto.

Aínda que podería ser borrada con técnicas de láser en cuestión de horas, suscitou o temor de que poida repetirse este tipo de actos cando leva a cabo un ambicioso programa de restauración e limpeza de fachadas e interiores con vistas á celebración do ano xacobeo, en 2021.

Todo apunta a que se trata dunha referencia á banda estadounidense de rock Kiss, que precisamente foi cabeza de cartel este ano do Resurrection Fest de Viveiro. 

Segundo informa a axencia Efe, as autoridades revisan as cámaras que se atopan na contorna dese enclave do centro histórico da capital galega para tratar de identificar o autor dos feitos.

Ademais, o titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, cualificou o acto de "barbarie patrimonial", "auténtica barrabasada" e "acto de incultura".

A de Pratarías é a fachada sur do templo compostelán e trátase da única de estilo románico que conserva a catedral. O seu nome provén dos talleres de ourives situados desde a Idade Media nos baixos asoportalados do claustro.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sinalou que Compostela é unha cidade Patrimonio da Humanidade "tolerante e aberta ao mundo". "Os seus veciños e veciñas estamos moi orgullosos", explica na súa conta oficial de redes sociais, e engade que ante feitos destas características "si que somos intolerantes", á parte de apuntar que "se atacan o noso patrimonio, atácannos a todos".

Comentarios