Un pontevedrés condenado por un triplo asasinato foxe do cárcere de Pereiro de Aguiar

Fernando Iglesias degolou hai máis de dúas décadas á súa muller, á súa filla de 18 anos e ao seu fillo de 12 nas Palmas

Centro penitenciario de Pereiro de Aguiar. AEP
photo_camera Centro penal de Pereiro de Aguiar. AEP

Fernando Iglesias Espiño, un pontevedrés condenado a 54 anos de cárcere por un dos crimes máis macabros rexistrado nas últimas décadas en España, non regresou ao cárcere ourensán de Pereiro de Aguiar tras gozar dun permiso penal a mediados de agosto, segundo informa o diario grancanario La Provincia.

Este taxista, que hoxe ten 63 anos e que deixou Galicia cando cumpriu a maioría de idade para enrolarse como mariñeiro, degolou o 17 de outubro de 1996 á súa esposa, á súa filla de 18 anos e ao seu fillo de 12. 

O día do crime, Iglesias despediuse do seu traballo e rexeitou a liquidación da súa nómina, o que o tribunal considerou como unha proba de que actuou con premeditación. Despois acudiu ao domicilio da súa esposa, que lle comunicou a súa decisión de pór fin á relación. 

Tras discutir e chegar a cortarlle o cable do teléfono para evitar que falase con outra persoa, o galego colleu unha picareta –ferramenta de aceiro con forma de martelo de puntas afiadas– e golpeou á súa muller na cociña.

O pontevedrés foi condenado a 54 anos de cárcere por asasinar á súa muller, á súa filla de 18 anos e ao seu fillo de 12 en outubro de 1996

Segundo os feitos probados na sentenza, Iglesias dirixiuse despois ao salón para acabar coa vida da súa filla de 18 anos e acabou matando tamén ao seu fillo menor no cuarto no que durmía e onde xa se espertou polos ruídos. Finalmente, o home rematou á súa muller e á súa filla: degolounas cun cutter.

Tras o triplo asasinato, o pontevedrés bebeu ron e quedou durmido, ata que 15 horas despois espertou e chamou á Policía para confesar: “Mateinos porque me puxeron de malas e me ceguei”, dixo no xuízo, segundo recollen as crónicas da época.

“Mateinos porque me puxeron de moi malo leite e me ceguei”, dixo no xuízo

Ata mediados de agosto, cando non regresou ao cárcere ourensán, cumprira 22 dos 54 anos de prisión que lle foron impostos, aínda que, dado que o Código Penal establece un tempo efectivo máximo en prisión de entre 25 e 30 anos, xa se atopaba na recta final da súa condena. 

Ao atoparse en paradoiro descoñecido, a Audiencia das Palmas ordenou ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que procedan á súa detención, segundo informa La Provincia. 
 

Comentarios