Ana Pontón responde a Beiras: "No BNG non nos equivocamos de inimigo"

O líder de Anova criticara que a candidata do Bloque se presentase pola Coruña sendo lucense
Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A resposta á crítica lanzada polo líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, á candidata do BNG, Ana Pontón, por presentarse pola Coruña sendo natural da provincia de Lugo non se fixo esperar máis de 24 horas. "Quero dicirlles que no BNG non equivocámonos de inimigo político, nin imos facer a campaña electoral que lle interesa ao PP e a Feijóo", espetou ao comezo do mitin que a aspirante nacionalista protagonizou na localidade de Bueu.

Así, a sarriá Pontón reivindicou que se presenta como candidata á presidencia da Xunta "co obxectivo de dar o mellor" dela, e "da organización", como "sempre" se fixo. "Para que os galegos teñan un futuro nos 314 concellos deste país", apostilou.

Durante a súa intervención, a candidata explicou que se Feijóo perde a maioría absoluta ela será "a primeira" en coller o teléfono e chamar aos candidatos de PSOE e En Marea para "conformar unha alternativa e abrir un tempo novo" en Galicia en base "ao mandato das urnas". "O BNG é garantía de cambio", proclamou Pontón, quen asegurou que "en ningún caso vai permitir que pase o despropósito político que se está vivindo no Estado, onde as consideradas forzas de esquerda, vellas e novas, lle deron unha segunda oportunidade ao PP cando xa estaba derrotado e resucitaron a un Rajoy que era un cadáver político". "Todo por primar a particular guerra de tronos de Sánchez e Iglesias en lugar dos intereses da maioría", apostilou a dirixente nacionalista, quen estivo acompañada, de novo, por un alcalde nacionalista, o de Bueu, Félix Juncal.

Comentarios