PP e BNG piden a marcha do alcalde de Camariñas tras confirmarse a inhabilitación

O novo fallo xudicial desestima "o recurso de apelación" do alcalde e confirma "integramente a sentenza"

Manuel Valeriano Alonso
photo_camera Manuel Valeriano Alonso

O PPDEG e o BNG esixiron a marcha inmediata do alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, tras a sentenza que confirma a súa inhabilitación por catro anos por prevaricación administrativa. Unha sentenza do pasado 18 de xuño da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, confirma a pena imposta polo xulgado do penal número tres da cidade.

Este condenou ao rexedor de Camariñas, coñecido como Pichurri, a catro anos de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación administrativa coa circunstancia modificativa atenuante de dilacións indebidas. O novo fallo xudicial desestima "o recurso de apelación" do alcalde e confirma "integramente a sentenza". Contra a resolución non cabe recurso ordinario algún, aclaran os maxistrados.

O caso vén do ano 2012, cando Alonso de León decidiu contratar en tres ocasións por un período total de catro meses a unha persoa para traballar para o Concello. Segundo defendeu no seu día, fíxoo de forma extraordinaria porque había inundacións nalgúns puntos da localidade e urxía o seu arranxo, polo que asegurou que o único motivo para saltarse a normativa foi o ben dos veciños, que entende que é o que debe facer un alcalde. A xustiza, no entanto, entende que "prescindiu do proceso" de contratación adecuado, ao non valorar "igualdade, mérito, capacidade e publicidade".

Agrega que a persoa contratada foi un home que concorrera ás eleccións municipais na mesma lista que Alonso de León, do PSDEG. Os maxistrados entenden que o recurso de apelación é erróneo ao intentar cambiar un relato e unhas valoracións que deben manterse do xuízo orixinal, pois só permite volver examinar a proba documental. O grupo socialista de Camariñas asegura, nun comunicado, que contra esta sentenza aínda cabe recurso, aínda que non ordinario, polo que mostra o seu "apoio" ao primeiro edil.

"A actuación do alcalde nese momento foi de urxencia, por un problema puntual. Contratou a un compañeiro de partido, pero tamén a unha persoa válida que nun momento de inundacións nas rúas do pobo fixo un gran traballo. Nin o alcalde nin o obreiro enriquecéronse, de feito marchou para Suíza antes de ningunha denuncia", di a nota.

O vicesecretario xeral do PP provincial da Coruña, Evaristo Ben, criticou "que o PSOE presuma de rexeneración política e manteña un alcalde condenado en Camariñas". "Non pode seguir nin un minuto máis á fronte do Goberno local, sostén Ben nun comunicado, no que di que se Alonso de León continúa lánzase "unha mensaxe moi perigosa á sociedade".

O grupo municipal do BNG esixiu un pleno urxente para que o Goberno municipal cambie de rexedor, tras a sentenza. "A Xustiza falou por segunda vez en apenas un ano e Manuel Alonso xa non pode continuar nin un día máis como alcalde de Camariñas", manifestou a portavoz nacionalista, Ilva Carril. 

Comentarios