O PP veta a comparecencia de Francisco Conde sobre a imputación dun alto cargo

O director xeral de Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, está sendo investigado por un presunto delito de prevaricación ambiental

Francisco Conde (Monforte de Lemos, 1968). DP
photo_camera Francisco Conde. DP

O PP vetou este martes a comparecencia no pleno ordinario do mes de maio do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, para dar explicacións sobre a citación xudicial do director xeral de Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, investigado por un presunto delito de prevaricación ambiental.

As tres forzas da oposición -PSdeG, BNG e En Marea- reclamaron este luns na Xunta de Portavoces a comparecencia de Conde para tratar sobre a situación de Tahoces, quen declarará o vindeiro xoves no xulgado de Noia por autorizar a reapertura da mina de San Finx, en Lousame, sen contar presuntamente cunha declaración de impacto ambiental.

"Pedimos a comparecencia de Conde para que dese explicacións a nivel político sobre esa actuación", denunciou o portavoz de En Marea, Luís Villares, durante a sesión de control ao Goberno, na que preguntou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "de que ten medo".

Neste sentido, o portavoz de En Marea aventurou que o PPdeG "ten medo ao debate político e a que queden en evidencia as prácticas" do director de Minas do Goberno autonómico.

Tahoces compareceu o pasado 23 de abril ante a comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas e Medio ambiente do Lexislativo galego e asegurou que "todo foi legal" en relación coa reapertura de San Finx despois de que BNG e En Marea reclamasen a súa dimisión.

Comentarios