Sete preguntas sete anos despois

Aínda que parece que sobre Angrois está todo dito e escrito, aínda hai incógnitas no aire
Mensajes renovados estos días sobre las vías en Angrois. LAVANDEIRA JR
photo_camera Mensaxes renovadas estes días sobre as vías en Angrois. LAVANDEIRA JR

Este venres cúmprense sete anos do accidente ferroviario máis grave da democracia en España, o que segou 80 vidas a bordo do Alvia ás portas de Santiago. Desde entón, a instrución xudicial da causa e a investigación paralela no Congreso e en Europa xeraron tanta literatura sobre o ocorrido o 24 de xullo de 2013 en Angrois que moitos cidadáns poderían redactar un ateigado do suceso case de memoria. Pero iso non significa que non haxa cuestións por responder.

¿Cal foi a causa real?
A versión oficial apunta a un "erro humano" do maquinista, Francisco Garzón Amo, que entrou nunha curva da Grandeira a 191 por hora canto tiña que telo feito a 80. Detrás do descoido estaría unha chamada interna ao seu móbil corporativo, realizada por un dos revisores do tren que viaxaba nun dos vagóns. 

Con todo, extraoficialmente hai moitas máis frontes abertas á hora de buscar a causa. Desde o deseño da propia vía, que obriga a unha redución brusca de velocidade nun espazo moi curto, ata unha suposta homologación deficiente do tren, a ausencia de sistemas de seguridade propios dun trazado de alta velocidade, etc. 

¿Por que non había ERTMS?
Boa parte das incógnitas de Angrois pivotan, sete anos despois, ao redor desta cuestión. O ERTMS, un sistema de seguridade e freado do tren empregado na alta velocidade, estaba instalado na práctica totalidade da liña Ourense-Santiago, pero desconectado no tramo de Angrois. ¿A razón? Oficialmente asegúrase que xeraba interferencias no software a bordo do Alvia que provocaban atrasos nos trens. Pero extraoficialmente apúntase tamén a cuestións de aforro económico e incluso a guerras ocultas entre as empresas subministradoras do sistema.

¿Era realmente alta velocidade?
Tamén é unha pregunta difícil de responder. No seu día, o Goberno vendeuna como a chegada da alta velocidade a Galicia. Os primeiros trens circularon o 10 de decembro de 2011 e os poderes da época falaban de Ave con frecuencia. A maioría do trazado e a seguridade foron deseñados
como alta velocidade, pero a entrada en Santiago e Ourense non se completou como tal, quedando como un oasis. E nun deses oasis produciuse o fatal sinistro.

A ausencia do ERTMS nese tramo, o trazado ou a composición do tren xeran aínda dudas

¿É o Alvia un Frankenstein?
Outra dúbida no aire. A serie 730 do Alvia é un tren convencional que se acabou convertendo nun híbrido co tempo por esixencias do guion. Por exemplo, ten ancho variable para circular por vías de ancho europeo e ibérico. Ademais, incorporóuselle un vagón técnico detrás de cada locomotora eléctrica para que puidese circular con tracción diésel, o que lle permite por exemplo cambiar en en Monforte para ir a Lugo sen necesidade de cambiar a máquina. Eses vagóns técnicos son moi pesados, o que segundo algunhas fontes desestabiliza o conxunto. 

Ese é o argumento principal que usa o documental Frankenstein-04155, que fala doutras deficiencias técnicas dun tren feito a remendos, mentres que outras voces do sector garanten a seguridade deste tren de Talgo. 

¿Por que non se investiga máis?
Europa dixo desde o principio que a investigación oficial do Goberno español, acometida pola Ciaf, non era independente porque ese organismo depende do ministerio de Fomento, igual que Renfe e Adif. É dicir, que os responsables se investigan a si mesmos. Pero non parece que vaia haber máis pescudas oficiais, en parte por interese político. Aquí entraría en xogo a teoría do pacto da curva de Ana Pastor e Pérez Rubalcaba acordado horas despois do sinistro sobre as vías de Angrois: PP e PSOE pechaban filas cunha especie de pacto de non agresión. 

¿Implícanse os políticos?
Os políticos abriron unha comisión de investigación de Angrois, pero como ocorre con case todas, non serviu para nada. "¿Que queren ocultar?", preguntaban onte mesmo as vítimas. "Algo ten que pasar porque, se non, non é normal que non investiguen". Os políticos escúdanse en que está
aberta a vía xudicial e que hai que respectala e interferir o mínimo nela.

¿Cando será o xuízo?
É difícil de concretar. A causa xa estaba cerrarda e barallouse incluso este ano para a vista, pero se reabriu para investigar o suposto borrado de datos sobre o tren de Talgo. O cambio de xuíces tampouco axilizou un proceso que apunta, como moi pronto, a 2021.