A primavera chega a Galicia con cara de inverno

O frío, a choiva e a neve marcarán os primeiros días da estación verde ► O cambio chegará nos primeiros días da Semana Santa

Blanca llegada de la primavera en A Fonsagrada. J.M.L
photo_camera Blanca llegada de la primavera en A Fonsagrada. J.M.L

Aínda que non o pareza, ás 17.15 horas deste martes chegou a Galicia a primavera. E fíxoo con cara de inverno, con copiosas nevadas na montaña lucense e ourensá, temperaturas xélidas de ata -4,2 graos en Cervantes e choiva en case toda a comunidade.

Lonxe de cambiar a situación, os primeiros días da estación verde seguirán estando marcados polo frío, as choivas e tamén, por momentos, as nevadas. Polo menos ata o domingo, segundo prognostica a Aemet. Meteogalicia concreta máis a súa previsión e sitúa a cota de neve o venres nos 1.000 metros. 

O anticiclón marcará os primeiros días da Semana Santa pero aínda é pronto para saber o tempo que fará os festivos

Talvez se poida empezar a falar de tempo primaveral a partir do domingo, no arranque da Semana Santa. Para entón espérase que o anticiclón se sitúe sobre Galicia, o que levará un aumento de temperaturas e fará gozar dun "tempo tipicamente primaveral" a principios da semana que vén. 

Con todo, de cara aos días festivos de Semana Santa, a Aemet aínda non puido precisar o tempo que fará porque descoñece cal será o comportamento da atmosfera. 

UNHA PRIMAVERA CON "VALORES NORMAIS". Máis a longo prazo, de cara ao avance para os próximos meses de abril, maio e xuño, os expertos auguran unha primavera con valores "normais" en Galicia tanto en temperaturas como en precipitacións.

Chega logo dun inverno "un pouco máis frío" do habitual para a época. Aínda que o mes de xaneiro foi "máis cálido" do habitual, decembro, febreiro e marzo caracterizáronse polo frío.

O inverno foi máis frío e húmido do habitual: na Lama chegáronse a acumular 230 litros por metro cadrado nun día 

Ademais, o inverno foi "un pouco máis húmido", sobre todo nos meses de febreiro e marzo, cando se rexistraron as maiores cantidades de auga. A modo de exemplo, na Lama no mes de decembro chegáronse a acumular 500 litros por metro cadrado, e só nun día alcanzáronse os 230 litros.

Tamén marzo está a resultar "moi chuvioso", apunta o meteorólogo e responsable da Unidade de Estudos e Desenvolvemento da Aemet en Galicia, Francisco García. Destacan os datos rexistrados en Ourense, onde está a chover un 323% máis dos habitual para este mes, e en Lugo un 236% máis. Noutros puntos de Galicia, como A Coruña, chove máis dun 100% superior ao habitual. 

Con todo, tras un dos seus outonos máis secos, as choivas rexistradas nestes últimos meses non son suficientes para saír da situación climatolóxica de déficit de precipitacións. "Tense a sensación de que chove menos, e así o apuntan os datos", asegura García. 

Comentarios