Profesionais sanitarios ven a Galicia preparada ante o coronavirus e trasladan "tranquilidade"

Sanidade recorda que están activos todos os protocolos que definen as actuacións a seguir 
Un laboratorio de Wuhan. EFE
photo_camera Un laboratorio de Wuhan. EFE

Os profesionais sanitarios ven a Galicia "preparada" ante a posibilidade de que apareza un caso de coronavirus na comunidade e trasladan á poboación un mensaxe de tranquilidade a este respecto. Mentres, a Consellería de Sanidade recorda que se manteñen activos todos os protocolos que definen as actuacións ante un posible caso". 

En declaracións a Europa Press, o presidente do sindicato médico CESM, Ramón Barreiro, afirma que se recibiron, por parte dos profesionais das distintas unidades, "unhas instrucións cunha serie de protocolos e recomendacións". "Calquera caso de sospeita poríase en coñecemento do sistema de saúde pública", sinala. "Galicia está preparada para detectar os casos e están arbitradas as medidas", incide, trasladando, ademais, unha mensaxe de tranquilidade á poboación.

Respecto diso, sobre os síntomas, sinala que "o cadro é máis ou menos febril, similar a un viral ou gripal e é fácil confundir con outras situacións". No entanto, remarca que, para considerar que se pode estar ante un "caso sospeitoso" de coronavirus, habería que valorar se presenta non só síntomas senón que estea na zona afectada ou en contacto con xente que estea alí. 

Ramón Barreiro: "Galicia está preparada para detectar os casos e están arbitradas as medidas"

Sobre as persoas que acoden aos centros sanitarios, afirma que "en principio a xente non está alarmada". "Si hai certa preocupación, pero en Galicia o número de casos con estes cadros forma parte do ambiente gripal desta época", recalca a este respecto.

OS PROFESIONAIS, "VIXIANTES". Pronúnciase en similares termos a delegada de Saúde Laboral do Sindicato de Enfermería (Satse) en Galicia, Judith Juncal, para quen os protocolos existentes permiten unha "rápida" resposta en caso de detectarse un posible caso. 

"Non é como o do ébola que houbo que ir sobre a marcha; tratalo tamén era máis perigoso", recoñece. Por outra banda, insiste en que tanto os protocolos que se teñen como os medios de protección existentes son "adecuados", aínda que precisa que desde este sindicato estarán "vixiantes" a este respecto. Mentres, recorda tamén a existencia nos centros de saúde de dispositivos de dispensación de máscaras. 

Pola súa banda, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, coincide en que "profesionalmente" Galicia está "preparada". "Temos suficientes profesionais cualificados de todas as especialidades; outra cousa é o colapso no servizo de urxencias", sinala sobre a denuncia sindical respecto da situación dos mesmos cando chega esta época do ano. 

Sanidade "Os protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle"

PROTOCOLOS. Desde a consellería recordan, á súa vez, que, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, mantén activos todos os protocolos que definen as actuacións ante un posible caso de coronavirus na autonomía. "Estes documentos foron enviados xa aos profesionais de todas as áreas sanitarias e están dispoñibles no apartado de saúde pública da páxina web da Consellería". "Son varios protocolos que están adaptados á estrutura asistencial do Servizo Galego de Saúde e son o desenvolvemento dos documentos previos acordados entre o Ministerio de Sanidade e o resto de comunidades autónomas", explican. 

Deles, aseguran que permiten que tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia (SAEG) como os diferentes dispositivos do sistema asistencial (centros de saúde, hospitais, servizos de urxencias, ambulancias...) "coñezan cada paso que dar para facer a vixilancia e control en Galicia". Nesa liña, sinalan que os protocolos se irán adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos". 

Mentres, explican que, en cada un dos protocolos, se informa de como "proceder ante a aparición dun posible caso de coronavirus, o manexo do caso se está no hospital ou cando aparece en Atención Primaria". "Explícase como proceder ante o illamento da persoa ou a realización do traslado entre os centros sanitarios se fose necesario", engaden.

¿E os galegos en China?
En canto á situación dos galegos en China, fontes da Delegación do Goberno en Galicia confirmaron que ningún dos que permanece no país —un foi repatriado xunto a un grupo de españois que se atopaban na zona de Wuhan— solicitaron o seu regreso. 

No entanto, o BNG instou, a través dunha iniciativa parlamentaria, ao Goberno central á repatriación de estudantes galegos tras recibir "solicitudes de axuda". A formación apunta que non ten datos sobre "cantos galegos" poderían estar nesta situación. "Pero houbo pais que se puxeron en contacto connosco para que os axudaramos", sinalan en coincidencia coa súa iniciativa. 

Comentarios