O PSdeG pedirá investigar o impacto do coronavirus nas residencias de maiores

Caballero recalca que é necesario "aclarar todo o que ocorreu" nestes centros, onde se rexistraron case a metade das mortes por covid-19 en Galicia
Gonzalo Caballero. EUROPA PRESS
photo_camera Gonzalo Caballero. EUROPA PRESS

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou este luns que o seu partido proporá que na próxima lexislatura constituír unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre o impacto do coronavirus nas residencias de persoas maiores, un segmento moi vulnerable á covid-19.

Segundo indicou Caballero este luns nunha conferencia de prensa telemática, é necesario "aclarar todo o que ocorreu" nestes centros, onde se rexistraron case a metade das mortes por covid-19 en Galicia, posto que os familiares das vítimas "merecen unha explicación" rigorosa, sinalou.

O líder do PSdeG afirmou que o PPdeG e a Xunta "deben a Galicia unha explicación daquilo que ocorreu nas residencias de maiores" como xestores directos das mesmas e esixiu que sexan "transparentes" e non oculten información.

Caballero fixo balance da xestión do Executivo autonómico da urxencia sanitaria durante os últimos meses e reprochou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a súa continua confrontación co Goberno de España no canto de centrarse en solucionar "moitos problemas do ámbito económico e social".

"Galicia necesita un goberno que traballe con lealdade co Goberno de España", declarou o secretario xeral dos socialistas galegos, desconforme co traballo dun PP que, ao seu xuízo, "utilizou o Goberno da Xunta de Galicia na estratexia de confrontación marcada" polos seus líderes en Madrid.

Caballero cualificou de estratexia "demagóxica, populista e pouco coherente" esa actitude e replicou que Galicia "merece máis que un presidente que pon trabas e non solucións" e reiterou a súa intención de relevar a Núñez Feijóo na próxima convocatoria electoral do 12 de xullo.

O líder do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta expresou a súa esperanza de obter o apoio da poboación que, segundo expuxo, "sabe que non houbo decisións sanitarias nin económicas de calado por parte do Goberno de Galicia".

Comentarios