Albert Rivera: "Se C's é decisivo, Galicia terá goberno nun mes"

O presidente da formación laranxa arroupou a candidata do seu partido á Xunta, Cristina Losada, nun acto de campaña en Santiago
Rivera (centro), acompañado por Girauta y Losada durante el acto de campaña celebrado este sábado en Santiago de Compostela
photo_camera Rivera (centro), acompañado por Girauta y Losada durante el acto de campaña celebrado este sábado en Santiago de Compostela

O presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, asegurou este sábado na capital galega que, se o seu partido é "decisivo", Galicia terá goberno "en menos dun mes". "Se somos decisivos, como din moitas das enquisas, ides ter que empezar a negociar desde o primeiro día un acordo de investidura", sentenciou.

Nun acto celebrado na compostelá Praza de Praterías, onde el mesmo e o deputado Juan Carlos Girauta arrouparon a candidata á Xunta, Cristina Losada, o líder da formación laranxa debullou cales serán as tres liñas de negociación no caso de que isto ocorra. A primeira delas consiste en "recuperar a clase media e traballadora"; a segunda en "rexenerar" a democracia e esixir un pacto anticorrupción "da mesma natureza" que o realizado "noutras comunidades autónomas" para que os imputados por corrupción política "se vaian á súa casa e non estean aforados"; e a terceira na "unión e a igualdade de todos os galegos e de todos os españois".

"O noso voto vai servir para que non se divida a sociedade galega en bandos porque aquí algúns queren dividila en vermellos e azuis ou en galegos e o resto de españois", denunciou, xusto antes de asegurar que, ademais de ter un proxecto para Galicia, Ciudadanos tamén o ten para España e Europa.

A este respecto, cargou contra o líder de Podemos, Pablo Iglesias, por "apuntarse a todo". "Non vale apuntarse a todo para calcular votos: ás veces na vida é moito mellor querer un proxecto, ter valores e defendelos", remachou, para logo engadir que "a unión de todos os españois" non se pode negociar "nun acordo de investidura", do mesmo xeito que tampouco se pode debater, defende, un referendo de independencia en Galicia, Euskadi ou Cataluña.

Por todo iso, apostou por "pór unha pica en Flandes", por que Ciudadanos consiga entrar no Parlamento galego e, a partir de aí, seguir o ronsel que a formación laranxa seguiu en Cataluña: "Logramos sacar tres escanos no Parlamento de Cataluña que hoxe se converteron en 25 con moito traballo e moito esforzo. E estou convencido que aquilo que se fixo é a liña a seguir aquí en Galicia, do mesmo xeito que no País Vasco".

NON PIDE "DIRECCIÓNS XERAIS". Así mesmo, en clave estatal e galega, Rivera fixo fincapé en que Ciudadanos non pide "direccións xerais, asesores políticos ou cargos de confianza" á hora de negociar un goberno, senón que esixe "cambios e pactos contra a corrupción". "Os cidadáns votáronnos para iso", apostilou.

A continuación, reiterou que "seguramente" o PP gañará as eleccións en Galicia: "O debate non é quen vai gañar as eleccións, que creo que todo o mundo o ten claro, senón se o Partido Popular vai poder facer o que lle dá a gana, como estivo facendo ata agora".

Acto seguido, ironizou co feito de que o candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, fale dos votantes de Ciudadanos e, por iso, dirixiuse aos electores do PP para pedirlles que "non vaian votar co nariz tapado" e aposten pola formación laranxa. É máis, fixo fincapé en que "xa non hai que escoller" entre "nacionalistas, populistas e o que queda do Partido Socialista", por unha banda, e "conformistas", por outro.

"ENCASILLAMENTO" VS. "POSTURA DESTRUTIVA". Pola súa banda, o portavoz parlamentario de Ciudadanos, Juan Carlos Girauta, fixo fincapé en que o seu partido representa unha terceira vía que non é nin o "conformismo" e o "encasillamento" de PP e PSOE nin a "postura destrutiva" das "correntes pequenas" que se uniron para "facer algo máis grande".

A continuación, preguntouse "que vai ser de Galicia" se o PP "fai crer aos votantes" que votar a Ciudadanos é "tirar o voto", en alusión ao discurso de Alberto Núñez Feijóo. Neste sentido, asegurou que o seu partido non quere que goberne Podemos, do mesmo xeito que tampouco quere que Manuel Baltar continúe á fronte da Deputación de Ourense, institucións contra as que cargou.

Por todo iso, pediu o voto a Ciudadanos para acabar cos "vicios" do "despotismo ilustrado" do PPdeG.

Así mesmo, criticou a actual situación da política española: "Onte, en Bratislava, o Goberno español estaba ausente aínda que estivese presente porque é un goberno en funcións".

TEN "AS MANS LIBRES". Pola súa banda, a candidata da formación laranxa á Xunta tamén asegurou que os votantes non teñen que elixir entre o PP e o "caos": "Se eles non o fixesen tan mal, os populistas non estarían tan crecidos".

A continuación, destacou que o seu partido ten "as mans libres", a diferenza, precisou, de PP e PSOE. E é que sostén que Feijóo ten "as mans atadas" para dicirlle a Manuel Baltar que abandone a Deputación de Ourense.

Comentarios