Rueda: "O seguro covid para aloxamentos será un estímulo máis para visitar o mellor lugar do mundo"

En vigor desde o 1 de xuño, non cubriu aínda ningún caso porque aínda non se notificaron contaxios
12,15 h.-             O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, presentará as etiquetas do seguro coronavirus destinadas aos aloxamentos da comunidade. 

foto xoán crespo
23/06/2021
photo_camera Presentación dos selos do seguro covid. XUNTA

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que o seguro covid para aloxamentos hostaleiros ofrecerá aos viaxeiros "un plus de seguridade" e será "un estímulo máis" para visitar "o mellor lugar do mundo". 

Así o indicou Rueda este sábado na presentación no hotel compostelán Costa Vella das etiquetas identificativas dos establecementos hostaleiros adheridos ao seguro covid. Estivo acompañado ademais polo xerente do hotel, Jose Antonio Liñares Bar, e o director do Clúster de Turismo, Cesáreo González Pardal

"Agora, os visitantes buscan moitos valores neste rexurdir do turismo, entre eles, a tranquilidade e a seguridade", sinalou o conselleiro, quen destacou que coa activación desta póliza, eses valores están presentes no "mellor lugar do mundo", que agora ademais é "máis seguro". 

Rueda indicou que, aínda que de momento non se activou porque "aínda non se notificou ningún contaxio", "ter a posibilidade aberta" de contar cun seguro deste tipo segue a liña de actuación "co sentidiño" promovida pola Xunta desde o inicio da pandemia. 

"Somos unha comunidade autónoma acolledora, segura e preparada ante os novos retos de mobilidade pospandemia. Queremos fomentar un turismo de calidade. Queremos que a xente veña e goce do Xacobeo", subliñou o tamén responsable de turismo, que apuntou que "xa son varias as comunidades que copiaron o modelo da póliza galega". 

Pola súa banda, o director do Clúster de Turismo recalcou que Galicia "cumpre cos parámetros de destino seguro marcados inicialmente", que se reforzan co seguro covid. "Esperamos que isto vaia a máis de cara ao verán", comentou González Pardal, quen destacou a importancia da colaboración público-privada e dos propios establecementos hostaleiros, que representarán un papel "fundamental" para dar a coñecer a póliza entre os viaxeiros.

A Xunta de Galicia destinou 1.054.000 euros a un seguro covid que cubrirá, en caso de contaxio por coronavirus, os gastos sanitarios, farmacéuticos e de hospitalización; así como de posibles repatriacións ou prolongacións de estancias por corentenas. En vigor desde o 1 de xuño, estará activo durante todo 2021, ata verán do 2022, aínda que con posibilidade "de prórroga de requirilo a situación", tal e como sinalou Rueda. 

As pólizas cobren os establecementos hostaleiros regulados, "incluíndo apartamientos turísticos", e será o contaxiado quen deberá notificar a súa situación no teléfono 915 14 99 59 —operativo as 24 horas— para activar a cobertura do seguro. 

Comentarios