Rodríguez, Fernández e González son os apelidos máis frecuentes en Galicia

Saber o número de persoas que levan un apelido nun determinado concello galego ou como se distribúe un patronímico ao longo do territorio é posible grazas á 'Cartografía dos apelidos de Galicia', unha ferramenta creada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, que combina a estatística e a análise espacial. Na súa base de datos, Rodríguez, con 241.324, é o que conta con máis rexistros; seguido de Fernández, González, López, García, Pérez, Martínez e Vázquez, cada un dos cales supera os cen mil rexistros. Na cara oposta sitúanse os apelidos que contan con menos de cincuenta concorrencias como é o caso de Coruña, Taberneiro ou Estevo.

A base recolle un total de 5.481.678 apelidos, dos que son únicos 48.459. A través do estudo destes datos, os investigadores do Instituto da Lingua Galega tamén poden determinar os efectos que a castelanización dos nomes ou a emigración tiveron sobre a súa distribución e difusión no territorio.

Os apelidos orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir ás persoas e, para iso, utilizáronse sobrenomes, patronímicos ou designativos de lugar, que comezaron a facerse hereditarios en Galicia dende finais da idade media, segundo sinala o estudo do Instituto Galego da Lingua. Así, a maioría dos apelidos de Galicia teñen a súa orixe en nomes de lugares (Castro), de persoa (González) ou oficios (Ferreiro).

A cartografía proporciona información que pode resultar de interese para disciplinas como a dialectoloxía, a historia do léxico, a demografía ou a xenealoxía.

A información da frecuencia e distribución dos apelidos de Galicia faise a partir dos datos do censo de poboación proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística. A páxina facilita os datos correspondentes ao número de apelidos que se rexistran en cada concello e sobre a porcentaxe de apelidos do municipio tendo en conta o número total de nomes.

Esta información numérica represéntase nun mapa temático dos concellos no que se marca con cores a frecuencia de aparición do apelido. Os datos son actualizados con regularidade coas achegas e suxestións recibidas a través do formulario que se atopa na web.

Comentarios