Rosa Quintana avanza que se comezará a vacinar aos mariñeiros "en breve"

A Xunta aposta por comezar pola flota de altura e aplicar a fórmula de Janssen 

Rosa Quintana. AEP
photo_camera Rosa Quintana. AEP

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, avanzou que o Instituto Social da Mariña (ISM) ultima bases de datos para comezar "en breve" coa vacinación de mariñeiros. 

En declaracións este mércores, Quintana explicou que a Xunta expuxo o pasado martes no Consello Interterritorial de Saúde a necesidade de abordar a vacinación de todos os mariñeiros, o que a ministra "viu con bos ollos, e o resto de comunidades tamén". 

"Nestes momentos están a pechar co ISM a situación para empezar coa vacinación dos mariñeiros", expuxo a conselleira do Mar. 

Así, apuntou que o Goberno galego propón comezar pola flota de altura e gran altura, pois pasan máis tempo no mar, onde tamén se pide incluír aos mariños mercantes, que "están máis de tres meses fóra de casa". Posteriormente, sería a quenda dos de baixura. 

Respecto diso, a Xunta avoga por que se empregue a vacina de Janssen, pois o feito de que sexa monodose é "moito máis eficaz" para empregar nestes profesionais que "despois teñen dificultades" para volver a terra e recibir a segunda dose. 

Precisamente, este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou que a vacina de Janssen é a idónea para aplicar aos mariñeiros, ao tratarse de só unha dose, pero de momento vaise a priorizar o seu uso para os dependentes que non poden acudir aos centros de vacinación, xa que as 8.350 doses recibidas actualmente precísanse para cubrir as necesidades deste colectivo. 

Comentarios