A saliva dunha servilleta pode ser decisiva nunha herdanza millonaria en Vilalba

Un veciño de Biscaia reclama a súa condición de fillo dun lucense que faleceu en 2017 ► Para probalo presentou no xulgado vilalbés unha proba de ADN obtida por un detective
Pila de servilletas. PIXABAY
photo_camera Pila de servilletas. PIXABAY

A saliva dunha servilleta pode converterse na peza clave e decisiva para a resolución dunha herdanza millonaria. Un veciño de Biscaia, de 39 anos de idade, acaba de presentar no xulgado de Vilalba unha demanda para que se recoñeza a súa condición de fillo dun lucense que faleceu en 2017, e que deixou un patrimonio que rolda os dous millóns de euros.

O informe presentado o pasado xoves polo avogado Fernando Osuna -coñecido por participar noutros casos mediáticos como o de Julio Iglesias, o Cordobés, Paco Gento ou Samuel Eto"o- inclúe os resultados dunha proba de ADN que se conseguiu a través dun detective.

Segundo explica o propio avogado, o demandante, "coa finalidade de esclarecer os feitos e obter unha proba directa, viuse obrigado a contratar os servizos dunha axencia de investigación".

A través dela, conseguiuse a servilleta de papel usada por un irmán do suposto pai biolóxico, unha mostra á que se accedeu nun descoido nun bar de Vilalba, e que logo de ser analizada ofrece unha coincidencia do "99,99%", segundo defende Osuna, quen confirma que a "análise estatística derivado dos datos xenéticos obtidos" establece que ambos "están emparentados vía paterna".

O avogado Fernando Osuna, especialista que levou casos como o do Cordobés ou Julio Iglesias, encárgase deste asunto

O avogado indica que o percorrido previsto é que o xuíz admita a trámite a demanda e pida unha proba de ADN ao home, xa que a información achegada grazas á servilleta ten só a condición de indicio. Se o home se negase ao sospeitar que o resultado sería positivo, o tribunal podería entender que se están ocultando detalles e esa negativa podería considerarse como proba, segundo a xurisprudencia existente.

HISTORIA. Os feitos desta historia remóntanse a unha relación vivida entre un home, "con moito patrimonio", e a nai do demandante, "de economía modesta", entre os anos 1976 e 1980, en varias localizacións e "comercios" da provincia de Lugo.

"Víanse case todos os fins de semana, saían a cear, a tomar copas, facían viaxes...", relatan os implicados na demanda presentada no xulgado da capital chairega, na que tamén se recolle que "a relación sentimental era perfectamente coñecida pola xente de ambos os pobos".

Froito desa relación de noivado "produciuse o embarazo". "Tras o alumeamento, a muller foise a vivir a un pobo de Biscaia, onde aínda reside o seu fillo, e a relación entre os proxenitores deveu practicamente inexistente".

O presunto pai biolóxico morreu en 2017 sen testamento e sen fillos -descoñécese se casou con outra muller, do que non hai constancia é de que tivese descendentes-, salvo o que presenta a demanda, que "sempre tivo a esperanza de que o seu proxenitor o aceptase e o recoñecese", algo que nunca chegou a ocorrer.

Tras o falecemento, o suposto fillo "tivo un período de dúbidas en canto a reclamar a paternidade ou deixalo pasar". "Tras varios anos meditándoo sacou forzas e ilusión para reclamar un dereito que lle pertence e que sempre o tivo no seu interior", indica o seu avogado, quen confirma que finalmente se decidiu" para defender "a súa dignidade e a da súa nai".

Comentarios