Sánchez, sobre a ruptura con Podemos e EU: "Non se puido chegar a un acordo entre iguais"

O portavoz nacional de Anova asegura que non concorrerán ás xerais para "non contribuír á fragmentación aínda máis da esquerda"

Antón Sánchez. AEP
photo_camera Antón Sánchez. AEP

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, asegurou que a formación que encabeza tomou a decisión de romper as negociacións con Podemos Galicia e Esquerda Unida para a configuración dunha alianza electoral para as xerais ao "non ser posible" alcanzar "un acordo entre iguais" que fose "similar" ao que houbo na coalición En Marea para as últimas eleccións ás Cortes. 

Con todo, nunha entrevista este sábado en Europa Press, Antón Sánchez evita entrar en detalle sobre que cuestións empuxaron á formación nacionalista a tomar a decisión de abandonar as negociacións. 

Unhas conversacións que encallaron ao pouco de iniciarse pola intención de Podemos e Esquerda Unida de colocar á ferrolá Yolanda Díaz como cabeza de lista por Pontevedra, posto reservado para Anova nas candidaturas das xerais en 2015 e a súa repetición en 2016. 

"Nas negociacións partiamos dun acordo entre iguais similar ao de 2015 e 2016. Non foi posible. Agora entrar a falar no concreto de cada unha das cousas xa non ten sentido porque cremos que a decisión de Anova tamén implica que non queremos prexudicar ás alternativas de esquerda", asegurou o tamén viceportavoz de En Marea no Parlamento galego. 

A negociación encallou pola intención de Podemos e EU de colocar á ferrolá Yolanda Díaz como cabeza de lista por Pontevedra

Así as cousas, Anova acordou non presentarse ás eleccións xerais, unha postura á que chegaron, segundo o seu portavoz nacional, por unha "suma de factores", entre os que sitúa a falta de receptividade por parte BNG e En Marea a configurar "unha fronte ampla" e a negativa a implicarse na candidatura ás xerais das mareas municipalistas de Santiago e A Coruña. 

Deste xeito, a organización nacionalista nacida tras a ruptura do BNG en 2012 baixo o impulso do histórico dirixente Xosé Manuel Beiras decide non concorrer á cita do 28 de abril para "non contribuír á fragmentación aínda máis da esquerda" ante a imposibilidade de configurar "unha fronte ampla". 

"A proximidade das eleccións locais fai que as mareas municipalistas non se puidesen envorcar e coas organizacións coas que vimos compartindo espazo non se chegou a un acordo finalmente", engadiu Antón Sánchez, que confirmou que Anova non pedirá o voto para ningunha forza o próximo 28 de abril e centrarase nas eleccións municipais do próximo mes de maio.

RUPTURA DE EN MAREA. O adianto das eleccións xerais acelerou a escenificación da ruptura de En Marea, que xa existía 'de facto' desde hai case dous anos coa pugna polo control do partido instrumental entre os partidarios de Luís Villares –Cerna, descontentos de Anova e mareas locais– e o denominado sector crítico –integrado pola propia Anova, Podemos, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol–. 

Así, a dirección do partido instrumental (en control da marca En Marea) decidiu adiantarse e anunciou que se presentaría en solitario ás eleccións xerais, invitando o resto de socios do denominado espazo da 'unidade popular' a participar nas súas primarias. Con todo, Anova, EU e Podemos rexeitaron diluírse en En Marea e iniciaron os contactos para a reedición da coalición coa que lograron cinco deputados nas últimas xerais. 

"A proximidade das eleccións locais fai que as mareas municipalistas non se puidesen envorcar"

Antón Sánchez asegura, nunha entrevista a Europa Press, que non se arrepinte da decisión de non presentarse ás primarias de En Marea. "En absoluto nos arrepentimos", apostila, para logo censurar que a dirección de Luís Villares converta En Marea "nun partido homoxenizado e clásico" e que, polo tanto, non reunía as condicións para aglutinar "unha fronte ampla". 

"Sempre dixemos que as organizacións non son fins en si mesmas. Sempre falamos do espazo de ruptura como un espazo en constante evolución. En Marea non debía, nin pode converterse nun partido clásico, homoxenizado", engadiu o parlamentario, que cre que o partido instrumental, tal e como funciona na actualidade, non ten capacidade "para reunir a potencia" que achegan as diferentes sensibilidades para así "cambiar as cousas".

Unha etapa que se pecha
Anova dá por pechada a etapa iniciada logo do seu nacemento en 2012 e encara agora "unha fase de refundación" que culminará coa convocatoria da IV Asemblea Nacional, que terá lugar logo das eleccións municipais do 26 de maio. Unha fase na que, en palabras de Antón Sánchez, toca "repensar e refundar o espazo de ruptura". 

Con todo, descarta que os pasos a seguir por Anova nun futuro vaian dirixidos ao reencontro das forzas nacionalistas –agora divididas en BNG, En Marea e a propia Anova– baixo un mesmo proxecto común, senón que o partido xurdido da corrente Encontro Irmandiño que liderou Beiras segue apostando pola "unidade popular". 

"A aposta pola unidade popular segue vixente", remarca Antón Sánchez que matiza que se trata da "súa opinión persoal", xa que nos próximos meses "ábrese un período asembleario" no que as bases da organización son "soberanas" para decidir a liña a seguir. 

"Iso non está en cuestión, si que está en cuestión o como", di o deputado sobre se se expoñen abandonar o rumbo seguido desde o seu nacemento, marcado polas alianzas establecidas con forzas de carácter estatal que estean "a favor da ruptura co réxime" e recoñezan o carácter de Galicia "como nación con dereito a decidilo todo". 

Antón Sánchez apela á "autocrítica" e " asunción dos erros" cometidos ao longo dos últimos tempos para, deste xeito, "renovar as estratexias e as tácticas" da denominada unidade popular, un proxecto que, segundo o portavoz de Anova, "conseguiu mobilizar á esquerda deste país". "Estamos orgullos desta etapa", resolveu. 

Comentarios