"Se Tellado me ve como 'tapado' de Beiras que Deus lle conserve a vista!"

En febreiro deixou o BNG e o domingo reapareceu nun acto de Anova, unha combinación de feitos na que moitos queren ver xa unha traizón. Incluso aventuran que terá cargo nas mareas. Pero Aymerich non é dos que se agocha e fala claro: "Seguirei traballando polo nacionalismo"
Carlos Aymerich (Vigo,1967)
photo_camera Carlos Aymerich (Vigo,1967)

A súa imaxe a fin de semana en primeira liña na conferencia política de Anova deu bastante que falar. 
Pois non entendo por que! Fun convidado e asistín. E non lle debe sorprender a ninguén que eu ou outra xente que deixamos o BNG esteamos falando e tendo contactos para reconfigurar o nacionalismo no marco dunha candidatura de unidade ou confluencia.

Ao deixar o BNG dixo que seguiría traballando polo nacionalismo.
Por iso. Eu nunca falarei mal do Bloque; é unha etapa que xa pasou. Lamento a posición na que seguen pero recoñezo que é lexítima e entón só me queda desexarlles sorte. Pero fóra de aí supoño que os demais seguimos coas nosas ideas e buscamos outras vías para poder traballar.


Eu nunca falarei mal do Bloque, pero é unha etapa que xa pasou. 

Teme que o chamen traidor?
A min francamente dáme igual o que me chamen, porque non ofende quen quere senón quen pode. Hai que tirar para adiante e se eles insisten nesa liña deberían revisalo, porque ao mellor  ese afastamento entre o BNG e un sector importante da sociedade que antes o apoiaba obedece a ese tipo de actitudes. Pero penso que a maioría de dirixentes e militantes non teñen esa actitude comigo; sigo tendo bos amigos no BNG. 


Entón, non está oficialmente vinculado hoxe en día a Anova.
Fun convidado ao acto como o foron outras persoas, aínda que supoño que cando convidan a Carlos Aymerich tamén están convidando a todo ese grupo de xente que saíu do BNG e está traballando desde fóra por esa candidatura unitaria capaz de derrotar o PPdeG e reconstruír o país.

É esa candidatura de unidade a única vía para gañarlle ao PPdeG?
Eu entendo que si. Haberá que decidir como é, os detalles, pero nos aí non somos protagonistas, senón recén chegados. Defendemos unha confluencia na que entren nacionalistas e non nacionalistas, en clave galega e que non estea supeditada ou subordinada a ningún tipo de estratexia estatal.

E é optimista respecto a lograla?
Penso que si. Nese convite tiven ocasión de falar con xente á que levaba tempo sen ver e detectei sintonía. Agora hai que levala adiante, con xenerosidade e sabendo que o tempo non sobra.

Unha confluencia, por certo, na que non estaría o Bloque, non?
Eu creo que as portas deben quedar abertas e debe ser o BNG quen decida por que camiño seguir.

Sobre a confluencia, eu creo que as portas deben quedar abertas e debe ser o BNG quen decida por que camiño seguir. 

E para cabeza de lista da confluencia xa o sitúan a vostede. Miguel Tellado, voceiro do PPdeG, dixo esta semana tras velo con Anova que vostede é o tapado de Beiras.
Que Deus lle conserve a vista a Tellado! Se é quen de adiviñar esas cousas como para fiarse del facendo unha quiniela! Iso é unha boutade que non ten base ningunha. El saberá por que o di.

Sempre foi próximo a Beiras. Viuno con forza para ser candidato?
Iso xa é decisión del, pero vino animado e con forza. A súa intervención do domingo foi como as dos vellos tempos, longa, con eses toques de retranca. En xeral detectei que no acto de Anova todos eran conscientes de que estamos ante unha oportunidade histórica, que non se dá cada catro anos, e que non hai que deixala pasar. Esa sensación contaxia a todo o mundo, incluído o propio Beiras.

Haberá adianto electoral?
Pois non o sei, porque eu non teño as dotes adivinatorias de Tellado! O que teño claro é que Feijóo non é para fiarse del, así que se di que non adianta, por se acaso habería que estar preparado.

E repetiranse as nacionais?
Pois parece que estamos abocados a novas eleccións salvo sorpresas. Que pasará despois xa non o sei, pero penso que é unha oportunidade perdida. E aínda que puido haber erros por parte de Podemos, sobre todo de escenificación, é evidente que a responsabilidade maior tena o PSOE que escolleu seguir na mesma política.

E podería repetirse esa falta de acordo da esquerda en Galicia?
Aquí a cuestión pode ser distinta porque a nivel de España todo apunta a que o PSOE vai estar por diante de Podemos, pero as enquisas que se coñecen din que as confluencias en Galicia estarán por diante. Entón será o PSOE o que terá que tomar unha decisión.

Por certo, vostede fundou Abrente, unha corrente interna dentro do BNG. Segue existindo como tal?
Desapareceu, deixou de funcionar na medida en que saímos do BNG. Pero un grupo de amigos seguimos traballando mentres pensemos que colectivamente podemos achegar algo. Porque cando un marcha para a casa e comproba o ben que se está pode ter a tentación de non volver saír dela [ri].

Vese que a política engancha...
É algo que sempre queda aí. Pero pódese estar na política sen ter un cargo e esa é agora a cuestión. Cuestión por certo que no BNG debería aplicar algunha xente.

Comentarios