Seis detidos por trata e explotación de mulleres nun polígono coruñés

A Policía Nacional detivo seis persoas por Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual, co que desarticula unha organización delituosa que explotaba presuntamente sete mulleres nun polígono industrial da Coruña.

As administracións públicas detectaron condicións de explotación sexual baixo a que exercían a prostitución sete mulleres de seis nacionalidades diferentes (Brasil, Panamá, Nixeria, Romanía, Colombia e España) co único obxectivo, por parte da organización, de lucrarse "ilicitamente" coa "prostitución acuartelada".

A Policía explicou, a través dun comunicado, que o pasado 28 de novembro "puido desarticular unha organización delituosa, que de xeito organizado e con repartición de roles e tarefas ben definidas, presuntamente explotaba sexualmente sete mulleres", nunha nave que no seu momento foi industrial e que se publicitaba a través de prensa e internet.

As mulleres enfrontábanse a longos horarios, con xornadas de traballo de vinte e catro horas sen descanso, durante vinte e un días seguidos, a disposición das demandas sexuais dos clientes, durmían e comían na nave na que estaban "encerradas e amontoadas", mentres os responsables da súa explotación xestionaban e fiscalizaban os seus ingresos.

O día a día discorría sen liberdade para elixir os clientes ou as prácticas sexuais, algo que puña en grave risco a súa saúde, o que, segundo explica a Policía nun comunicado, "non deixa de ser unha forma de explotación laboral aproveitada polos explotadores en base á falta de regulamentación laboral da prestación de servizos sexuais".

As actuacións que levaron a estas detencións foron coordinadas e dirixidas polo Xulgado de Instrución número tres da Coruña, que ordenou "a entrada e rexistro no establecemento clandestino" e que culminou "coa detención dos seis integrantes da rede delituosa, cinco de nacionalidade española e un de nacionalidade uruguaia, ademais da liberación das vítimas.

Comentarios