Sementar hoxe, colleitar mañá

Con motivo do Día Mundial da Reciclaxe, Sogama lanza unha campaña para espertar na mocidade galega a conciencia ambiental

O verde está de moda. E non é unha siemple cor, senón unha actitude ante a vida, unha filosofía que consiste en que o noso paso polo planeta sexa o máis respectuoso posible a nivel ambiental, polo noso ben e polo do resto dos habitantes. E nesta tarefa conxunta que temos como sociedade a mocidade ten reservado un papel determinante, porque o que eles sementen hoxe será o que mañá recolla o conxunto da humanidade.

Consciente dese papel fundamental dos máis novos e novas no eido ambiental, Sogama aproveita a celebración do Día Internacional da Reciclaxe para lanzar unha nova campaña dirixida especificamente a eles, aos mozos e mozas estudantes de secundaria (Eso), bacharelato e incluso da universidade co obxectivo de que coñezan as bondades da reciclaxe, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social.

Para garantir o éxito da proposta, Sogama diríxese a este colectivo a través de diferentes soportes online como como carteis, gifs e vídeos animados, e utilizando o argot propio dos nativos dixitais. A iniciativa, bautizada co lema ‘A reciclaxe sempre é Trending Topic na nosa terra’, nútrese con mensaxes atractivas e dinámicas nas que se pon en valor a natureza e a importancia de contribuír ao seu coidado mediante a práctica diaria dos tres erres —redución, reutilización e reciclaxe—, eixo fundamental da forma de vida verde e da propia Sogama.

sogama3sogama4Ademais de fomentar a reciclaxe no noso día a día a través da separación do lixo, a Sociedade Galega do Medio Ambiente afonda na necesidade de pór fin aos refugallos abandonados na contorna e nos espazos naturais —que moitas veces acaban convertidos en vertedoiros ilegais— e utilizar de forma correcta os diferentes contedores de recollida selectiva para garantir a recuperación dos materiais depositados nos mesmos e a súa posterior transformación en novos recursos.

A través de mensaxes tales como ‘Mood Galicia: estar living coa natureza’; ‘Trolea a #basuraleza: acaba cos residuos abandonados na contorna’; ‘#Yoloecolo: nada de pose, que só se vive unha vez’ e ‘Sogama Challenge: o reto dos #3 erres: Reduce, Reutiliza e Recicla’, entre outros, preténdese conectar aos mozos co medio ambiente, o deporte, a vida saudable e a comida sa, facéndolles ver que a reciclaxe forma parte dos hábitos sostibles e que, levándoa a cabo, podemos avanzar cara a un mundo mellor. Porque unha cousa está clara para mozos, adultos e maiores: só temos un planeta.

Trátase, en definitiva, de falarlle aos mozos no seu propio idioma para espertar o seu lado máis solidario e comprometido co planeta e que eles mesmos sirvan como exemplo para as novas xeracións que veñen detrás.
Como é habitual nas súas iniciativas, Sogama ofrece toda a información desta campaña na súa páxina web: www.sogama.gal.

A campaña achégase aos máis novos empregando a súa propia linguaxe dixital e os seus códigos estéticos e visuais de comunicación

DÍA DA RECICLAXE. O Día Mundial da Reciclaxe celébrase cada 17 de maio —coincidindo con outra efeméride importante en Galicia como o Día das Letras Galegas—. Naceu nos Estados Unidos, en concreto en Texas, no ano 1994 e a Unesco declarouno co obxectivo de concienciar a sociedade acerca da importancia que ten tratar os residuos como corresponde para non contribuír ao cambio climático e así protexer o medio ambiente.

Segundo os últimos informes da OCDE e doutras institucións internacionais, nos últimos anos os países reciclaron aproximadamente un 36% dos 675 millóns de toneladas de residuos urbanos xenerados no planeta, unha porcentaxe que no caso de Europa se eleva ata aproximadamente o 45%, o que da boa mostra do compromiso da UE con esta materia. 

Comentarios