O Sergas afirma que Galicia supera os criterios sanitarios para a desescalada

 Ante a dúbida da oposición, indica que activaría 1.258 camas nos hospitais de campaña
 
Tarefas de montaxe do hospital de campaña de Expocoruña. CABALAR
photo_camera Tarefas de montaxe do hospital de campaña de Expocoruña. CABALAR

O Sergas afirmou este luns que o seu plan de continxencia para a pandemia, que inclúe as camas dos hospitais de campaña na Coruña e Santiago impulsados ao comezo da crise sanitaria, permiten que Galicia cumpra cos criterios do Ministerio de Sanidade para dar os seguintes pasos na desescalada, despois de que o Goberno solicitase aos executivos autonómicos que garantan en cinco días entre 1,5 e 2 camas de Uci e entre 37 e 40 camas de enfermos agudos por cada 10.000 habitantes por se houbese un rebrote.

O comunicado do Sergas chegou despois de que a oposición galega atribuise "os anos de recortes" do gabinete de Alberto Núñez Feijóo que os hospitais galegos non contasen coas camas "suficientes" que esixe o Goberno para a desescalada. Facían referencia aos datos do Instituto Galego de Estatística sobre que Galicia contaba en 2018 con 8.975 camas en funcionamento en hospitais do Sergas, 30 menos que en 2017 e case 900 menos que unha década atrás.

Neste contexto, o portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, cuestionou que a Xunta "en ningún caso" pensase aceptar o ofrecemento de recursos da sanidade privada para optar por unha "incorrecta posta en marcha duns hospitais de campaña que non se tiveron que empregar". A súa homóloga do BNG, Ana Pontón, reclamou así mesmo "traballar" para contar cunha "estrutura pública" de hospitais fronte aos centros de campaña.

O Sergas explicou que son estes últimos os que fan que as previsións contemplen 10.313 camas de hospitalización convencional para o covid-19. Habería así 38,2 camas por 10.000 habitantes, máis 689 de coidados críticos que supoñen 2,55 por 10.000 veciños. Das primeiras, 8.149 son da rede pública, 906 da privada e 1.258 dos hospitais de campaña, que se activarían nun prazo de cinco días.  Das camas de Uci, 554 serían do Sergas e 135 privadas.  

Comentarios