O Sergas comezará a vacinar contra a covid-19 a persoal sanitario a partir deste martes, segundo informaron a Efe fontes da Xunta.
Ata agora só viña aplicando a vacina a usuarios e traballadores das residencias de maiores, e segundo os datos facilitados pola Consellería de Política Social son 30.400 as doses aplicadas, máis dun 80% das remesas que recibiu.
A previsión é que esta semana conclúa a primeira das dúas doses da vacina nos xeriátricos da comunidade libres de brotes de infección de coronavirus, para proceder a continuación coa segunda e última rolda.
Segundo o criterio establecido polo comité clínico do Sergas, nesta segunda fase de vacinación entre sanitarios terán prioridade aqueles que traballan nas áreas covid dos hospitais galegos, para posteriormente estenderse a todos os ámbitos asistenciais.
Polo momento non está previsto habilitar novos puntos de vacinación a pesar de que chegarán a solaparse as dos sanitarios e os usuarios e traballadores de residencias.