jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

Sogama rebaixará o seu canon en 2022 e permitirá ás familias galegas aforrar ata 9 millóns

El canon bajará en 2022 de casi 70 euros por tonelada enviada a Sogama a 66 y 59 en aquellos concellos que cumplan una serie de requisistos.AGN
El canon bajará en 2022 de casi 70 euros por tonelada enviada a Sogama a 66 y 59 en aquellos concellos que cumplan una serie de requisistos.AGN
A sociedade reducirá unha media do 5% a tarifa por tonelada de lixo, que pasará a ser a máis barata de toda España  A Xunta pretende así amortecer o impacto negativo que terán os novos impostos da lei estatal de residuos

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) reducirá o canon que pagan os 295 concellos adscritos ao seu sistema de tratamento de residuos o ano que vén, seguindo a liña dos últimos exercicios e en contraposición coa tendencia inflacionista da maioría de ámbitos que afectan o peto das familias. A idea sería baixar esa tarifa que pagan os concellos por tonelada de lixo unha media do 5% sobre o prezo deste ano, o que deixará o canon en 66 euros/tonelada, fronte aos case 70 —69,48— que se abonan actualmente.

Esta medida súmase ao mantemento da bonificación do 10% que xa leva aplicando Sogama durante os tres últimos exercicios a aqueles entes locais que cumpran con dous requisitos establecidos: promover a redución da xeración de residuos e a reciclaxe dos envases lixeiros —bolsa amarela—; e trasladar esta rebaixa aos recibos dos cidadáns. Neste caso, o canon situarase en 59,40 euros/tonelada. E, adicionalmente, tampouco se aplicará o IPC, estimado nun 5%.

Así que, en conxunto, o paquete de rebaixas tarifarias de Sogama podería alcanzar o 20%, o que se traduciría nun aforro de 9 millóns de euros para a maioría de fogares galegos.

SUBIDA ESTATAL. A través desta filosofía, a Xunta pretende compensar o impacto económico negativo que suporá para os petos das familias o conxunto de impostos contemplados no anteproxecto da lei estatal de residuos e que gravan, entre outros, o depósito de refugallos en vertedoiro e a incineración.

De saír adiante, o texto do Goberno central contempla unha penalización á vertedura que ascenderá a 30 euros/tonelada; e á valorización enerxética, a 10 euros/tonelada, que rexerá para aquelas plantas que, como Sogama, están certificadas coa denominada R1, que acredita o cumprimento de determinados estándares de eficiencia. A boa evolución da compañía galega nos últimos anos, tanto en termos industriais como ambientais, económicos e sociais, permítelle agora facer este esforzo para amortecer o impacto económico que estes impostos estatais terán sobre a economía dos galegos.

«Mentres o Goberno central crea novos impostos para a xestión e tratamento de residuos con fins recadatorios, a Xunta a baixa», argumentan.

Novas instalacións para materia orgánica

Sogama apoiará os concellos na súa obrigación de implantar o chamado quinto colector, o marrón, onde irán os residuos para compostar

O canon de Sogama, ata agora o máis barato de Galicia, pasará tamén a ser o máis barato de España coa nova rebaixa. E iso a pesar de que a empresa ten baixo a súa xestión unha potente infraestrutura industrial conformada por 37 plantas de transferencia, un complexo ambiental situado en Cerceda e con capacidade para 1.000.000 de toneladas anuais e un vertedoiro de cola destinado a acoller aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar energéticamente.

Ademais, a sociedade porá en marcha unha rede de instalacións que terá por obxecto a valorización da materia orgánica. Incluirá catro plantas de biorresiduos —as de Cervo, Vilanova de Arousa e Verín sumaranse á xa operativa en Cerceda—, apoiadas por trece plantas de transferencia que serán transformadas ou adaptadas para transvasar a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do quinto colector, o marrón, converténdoa en compost, un abono natural de alta calidade empregado para a agricultura e a xardinería.

Con esta iniciativa, a Xunta pretende axudar aos concellos a cumprir as súas obrigacións legais, xa que eles teñen as competencias e deben implantar a recollida selectiva dese lixo orgánico antes do 31 de decembro de 2023. A previsión é que a infraestrutura vinculada ao tratamento da materia orgánica entre en funcionamento a finais de 2022.

Sogama destinará a este plan de acción 38 millóns, dos cales 30 estarán financiados a través dos Fondos Feder como resposta da UE á crise do covid-19.

Así, os investimentos realizados por Sogama no período 2017-2022 ascenden a máis de 90 millóns e teñen por obxecto optimizar o servizo que presta a máis de 2.240.000 galegos a través de instalacións punteiras que incorporan as últimas tecnoloxías dispoñibles; coa promoción do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos; e coa incorporación de todas aquelas medidas que lle permitan compatibilizar en cada momento a actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde pública.

Sogama rebaixará o seu canon en 2022 e permitirá ás familias...
comentarios