Suárez: "O sestayismo-telladismo pasará á historia como corrente política ferrolá"

O alcalde cualifica de "infame" o pacto PSOE-PP para retirarlle competencias económicas que tiña concedidas por delegación do pleno
El alcalde de Ferrol, Jorge Suárez
photo_camera El alcalde de Ferrol, Jorge Suárez

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), ironizou con que "existe unha corrente política que pasou á historia da humanidade, que é o marxismo-leninismo, e agora hai unha corrente que pasará á historia de Ferrol, que é o sestayismo-telladismo", en alusión á secretaria xeral do PSdeG en Ferrol, Beatriz Sestayo e ao secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

Ditas manifestacións realizounas o rexedor de Ferrol en Común horas despois de que a unión dos votos dos grupos municipais de PP e PSOE, na noite deste xoves, durante o pleno ordinario de fin de mes, posibilitasen a retirada dalgunhas das competencias económicas que tiña concedidas o alcalde, por delegación do pleno, e que lle permitían vía decreto determinadas modificacións orzamentarias.


A unión dos votos de PP e PSOE retiraron algunhas das competencias económicas que tiña concedidas o alcalde


Jorge Suárez cualificou o acordo entre ambas as formacións como de "pacto infame, vestido de lagarterana, como se di vulgarmente, e que o único que busca é un bloqueo a este goberno coa vista posta no ano 2019". Segundo advertiu, "durante dous anos vai impedir a este goberno dar satisfacción ao que a cidadanía lle demande, co obxectivo do desgaste persoal".

MOCIÓN DE CENSURA. Suárez instou ás dúas formacións políticas, PP e PSOE, a ser "máis valentes, non ser tan covardes e miserables, e se realmente pensan na transparencia e no beneficio da cidade, pois que o telladismo e sestallismo xunten aos seus catorce concelleiros e que presenten a moción de censura".

Así, estimou que "se non dan ese paso adiante, o que terán que facer é dar explicacións por esta situación de bloqueo á cidadanía".  O alcalde de Ferrol tamén asegurou que esta moción lle ten "aínda en estado de shock, xa que non se sabía que se podía chegar a este punto de indignidade" e deu por case descartado presentar algún tipo de impugnación. "Realmente non creo que mereza a pena, porque estamos a falar dunha cuestión ética que un tribunal non vai resolver", valorou.

Ao seu xuízo, ademais, "os veciños son o maior tribunal" e está "absolutamente convencido de que tras o sucedido este xoves non entenden absolutamente nada". Tanto PP como PSOE, na súa opinión, "deberían recapacitar e retirar esta moción, que non é contra o goberno, senón que é en contra da cidade".

RESPOSTA DE SESTAYO. Pola súa banda, Sestayo, lamentou que "unha vez máis o goberno acuda aos insultos e a mala educación, fronte a algo tan fácil como fora comprometerse a celebrar as comisións, aprobar os orzamentos e desbloquear a penosa xestión desta cidade".


Sestayo acusa a Suárez de recorrer aos "insultos e a mala educación"


A líder socialista abundou en que "o único que se aprobou é que as competencias que son do pleno volvan ao pleno, tendo en conta que o alcalde mantén bloqueada e paralizada a cidade, unha moción que ao longo da democracia foi votada por todos os grupos políticos sen excepción".

Comentarios