Desprendementos e inundacións en varios municipios ourensáns polas tormentas

Os máis afectados foron os de Xunqueira de Espadañedo, San Amaro e Parada de Sil

Importantes desperfectos en Xunqueira de Espadañedo. TWITTER (@TVGalicia)
photo_camera Importantes desperfectos en Xunqueira de Espadañedo. TWITTER (@TVGalicia)

As choivas torrenciais caídas nas últimas horas a consecuencia dos episodios tormentosos vividos na provincia de Ourense provocaron desprendementos de terra e inundacións en varios municipios, como Xunqueira de Espadañedo, San Amaro e Parada de Sil. 

A práctica totalidade da provincia de Ourense permanecía o pasado sábado, do mesmo xeito que Lugo, baixo aviso amarelo ante a previsión da Aemet de tormentas con fortes chuvascos. 

No entanto, segundo informa o CIAE 112, non houbo que lamentar feridos. Así, as fortes choivas arrastraron a vexetación dos montes, que acabou ocupando as vías de comunicación, afectando así ao desprazamento por estrada nestas áreas da provincia. 

A central do 112 recibiu numerosas chamadas ao fío das 21,00 horas solicitando axuda para retirar as pedras e elementos que a auga arrastrara ata as rúas, que se atopaban completamente alagadas. 

Os servizos da Deputación de Ourense desprazáronse a estes lugares para proceder á limpeza das vías, tarefas nas que tamén colaboraron os efectivos de Protección Civil das localidades afectadas. 

Ademais, no Concello de Xunqueira de Esapadañedo, os desprendementos afectaron especialmente á zona onde están situadas as barracas de feira na parroquia do Barrio

CASA ALAGADA. Na parroquia de Ramil, tamén situada no municipio de Xunqueira, un veciño solicitou axuda aos servizos de urxencia debido á inundación da planta baixa dunha casa, provocada polo efecto de arrastre de vexetación que causaron os chuvascos. 

A rúa principal de San Amaro tamén resultou alagada polas choivas, do mesmo xeito que o lugar de Paradellas, en Parada de Sil, que quedou incomunicada debido ás riadas. Membros do GES e Protección Civil de Castro Caldelas tiveron que intervir para restablecer a normalidade en devandito punto. 

Comentarios