Touro leva un belisco de sorte con parte do terceiro premio

Como cada mañá de Reis, varios beliscos de sorte cargados de diñeiro marcharon voando a distintos puntos de España co Sorteo Extraordinario de Nadal do Neno.  

O sorteo, que comezou puntualmente ás 12.00 horas desta mañá de martes en Madrid, arroxou os seguintes resultados.

Galicia, menos afortunada que na pasada edición, cando unha choiva de miles de euros fixo tremer a Monforte, levouse só un belisco desta fortuna repartida hoxe con parte do terceiro premio, que foi a parar á localidade coruñesa de Touro, entre outros puntos de España.

MADRID E BARCELONA, GRANDES AFORTUNADAS
O primeiro premio, que leva 2 millóns de euros por serie- 200.000 euros ao décimo- foi a parar ao número 55.487, vendido integramente na Administración número 4 de Leganés, Madrid.


Celebración en Leganés, Madrid, onde recaeu íntegro o primeiro premio (Zipi/EFE)

A Comunidade de Madrid foi tamén agraciada con parte do segundo premio, o número 43.743, que foi a parar tanto á capital como ás localidades de Coslada e Alcalá de Henares; e do terceiro premio, 84.222, que tocou na cidade de Madrid.

O segundo premio, dotado con 750.000 euros á serie- 75.000 euros ao décimo-, recaeu, ademais, en localidades de Albacete, Alacante, Almería, Barcelona, Biscaia, Cantabria, Xirona, Huelva, León, Murcia, Santa Cruz de Tenerife, Segovia, Valencia e Zaragoza.

''FELIZ'' DE REPATIR A SORTE EN TOURO CUN TERCEIRO PREMIO
O terceiro premio da Lotería do Neno, dotado con 250.000 euros por serie -25.000 euros ao décimo-, recaeu no número 84.222, do que se vendeu unha serie no municipio coruñés de Touro.


Celebrando o premio na localidade coruñesa (Óscar Corral/EFE)


A administración número un, situada na Rúa Castelao á altura do número 28, foi a encargada de repartir dez décimos do terceiro premio, presumiblemente a veciños da localidade, explicou a Efe a súa dona, Esperanza Quinteiro. "Non é unha estrada de paso", abundou a titular do despacho, "feliz" de conseguir distribuír o único belisco que recaeu este ano en Galicia. Quinteiro indicou que, aínda que ela non ten ningún dos décimos premiados, a alegría é a mesma. Ademais, esta é a primeira ocasión que reparten sorte por Nadal, neste caso co Neno, xa que, ata agora, só tiveran fortuna nos sorteos habituais.

Os outros billetes premiados foron consignados en administracións de lotería de Chiclana de la Frontera (Cádiz), Ibi (Alacante), Mieres (Asturias), Barcelona capital e as localidades condais de Santa Coloma de Gramanet e Castelldefels, Madrid, Portugalete (Biscaia), Zaragoza e a localidade desta provincia de La Almunia de Doña Godina.

MÁIS VENDAS
As vendas deste sorteo alcanzaron un total de 645 millóns de euros, o que supón un aumento do 6,69 por cento con respecto ao que se vendeu en 2014, o maior incremento rexistrado desde 2007, segundo datos provisionais de Loterías e Apostas do Estado. No entanto, a emisión este ano era de 800 millóns de euros e a premios destinábanse 560 millóns de euros.

Por comunidades, aumentou a venda en todas elas, especialmente en Estremadura (11,97 %), Galicia (11,91 %), Baleares (10,67 %) e Andalucía (10,03 %), mentres que só descendeu na cidade autónoma de Ceuta, un 2,26 por cento menos que o ano anterior.

Este Nadal a sorte aliouse co número 7, que foi a terminación del Gordo e tamén foi a do primeiro premio do Neno. Tras o cero, o 7 é as segunda terminación máis repetida do primeiro premio deste tradicional sorteo do Día de Reis.

Comentarios