Os traballadores de Xustiza fanlle chegar a Catalá as súas reivindicacións

Representantes dos funcionarios reúnense no Congreso cos distintos grupos na procura do seu apoio ► Rueda di que as negociacións "só poden continuar" se o comité de folga acepta a oferta da Xunta

Os traballadores de Xustiza entréganlle as súas reclamacións ao ministro Catalá. EP
photo_camera Os traballadores de Xustiza entréganlle as súas reclamacións ao ministro Catalá. EP

Membros do comité de folga dos funcionarios de Xustiza en Galicia desprazáronse este mércores ao Congreso dos Deputados, onde mantiveron encontros con membros de varios grupos políticos, e onde, a través de deputados de En Marea, fixeron chegar ao ministro de Xustiza, Rafael Catalá, unha carta na que piden a súa "mediación".

Os funcionarios galegos do sector xudicial, que levan máis de dous meses en paro indefinido —65 xornadas—, explican que o comité, integrado por SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC OO, pediu unha reunión urxente aos portavoces da Comisión de Xustiza co fin de "porlles en antecedentes" da situación.

Na carta, os traballadores do sector xudicial piden "a equiparación no complemento autonómico transitorio" con respecto ao resto de compañeiros. "Somos funcionarios do ámbito nacional e, a día de hoxe, existen diferenzas significativas entre as distintas comunidades", esgrimen. 

O comité de folga pide a "mediación" do ministro para proceder ao desbloqueo das negociacións e poder "chegar a un acordo"

Tamén traslada ao ministro as demandas do colectivo con respecto ás amortizacións e a petición de "creación de todas as prazas de reforzo" con máis de tres anos de antigüidade, "xa que, a día de hoxe, os xulgados e tribunais galegos contan cun persoal insuficiente".

"Entendemos que as nosas demandas son xustas e non só van orientadas á defensa dos nosos lexítimos dereitos laborais senón que teñen por obxecto, ademais, un mellor funcionamento dun servizo público fundamental como é a Administración de xustiza", reivindica. 

Finalmente, a carta que subscriben membros de todos os sindicatos integrados no comité de folga, conclúe que, debido ao bloqueo actual das negociacións pola actitude "obstructiva" da Xunta, é necesaria a "mediación" do ministro para proceder ao desbloqueo das mesmas e poder "chegar a un acordo".

DEMANDAS "PROTEXIDAS POLA CONSTITUCIÓN". O secretario xeral do Podemos, Pablo Iglesiass, asegurou este mércores que os funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia "teñen toda a razón" nas súas reclamacións, que ve protexidas pola Constitución.

As declaracións aos xornalistas no Congreso, Iglesias opinou que o conflito galego fai "evidente" a "incapacidade do Partido Popular de xestionar o público e de gobernar".

"É indignante que os traballadores da Xustiza en Galicia estean a cobrar moito menos que noutras comunidades autónomas", resumiu sobre un "corpo de carácter estatal" cuxos membros son penalizados con descontos "cando teñen unha baixa por enfermidade", o que cualifica de "vergoñoso", nun sector con "carencia" de empregados.

A Xunta calcula que o paro tivo un seguimento este mércores dun 29,23% e as centrais estiman que foi dun 84%

"Están a pedir o que di a Constitución", proseguiu Iglesias nun momento no que as negociacións levan máis dunha semana rotas.

RUEDA INSTA AOS FUNCIONARIOS A ACEPTAR A OFERTA DA XUNTA. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou ao comité de folga a asumir que só é posible falar sobre a oferta do Goberno galego para así continuar as negociacións, rotas hai máis de dúas semanas.

"O problema non é convocar, o problema é saber do que temos que falar. A proposta da Xunta de Galicia é a que se ten que negociar", subliñou.

Lembrou que o Executivo autonómico mantén que "a proposta que fixeron os sindicatos, a última despois de ter un mandato dos traballadores de que baixasen as súas pretensións" non pode ser aceptada: "Sobre esa cifra tan elevada non se vai negociar en ningún caso", continuou.

"Sobre o marco económico que expuxo a Xunta de Galicia, estamos dispostos a negociar", asegurou tras ofrecer unha subida gradual entre este ano e 2020 de 133,42 euros para xestores, 108,42 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio, que entende que sitúa aos traballadores na media do conxunto do Estado e satisfai as súas demandas.

A Xunta calcula que 802 persoas secundaron a folga este mércores, con 186 ausencias xustificadas e 775 en servizos mínimos, o que dá un seguimento dun 29,23%. Por provincias, o maior seguimento rexistrouse en Pontevedra, cun 33,51%, seguida por Ourense (32,07%), A Coruña (27,14%) e Lugo (21,26 ).

Os sindicatos estiman que o seguimento foi dun 84% en Pontevedra, un 82% en Vigo, un 78% en Ourense, un 74% en Santiago de Compostela, un 73% en Ferrol, un 71% en Lugo e un 65% na Coruña, con máis dun 75% nos partidos xudiciais máis pequenos.

Comentarios