Tráfico interpón en Galicia unhas 100 denuncias ao día durante o confinamento

Por provincias, o maior número de denuncias produciuse en Lugo, con 655, mentras que Pontevedra tivo 519
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Control da Garda Civil. EFE

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou este xoves que o sector de Tráfico da Garda Civil interpón unhas 100 denuncias ao día na Comunidade galega, na que se rexistraron 2.290 entre o 16 de marzo e o 7 de abril.

Nun comunicado remitido aos medios, Losada sinalou que a media empezou en 57 denuncias diarias durante a primeira semana, pero creceu de xeito paulatino. Así, desde o pasado 29 de marzo, a media está ao redor das 120 cada xornada.

Javier Losada mostrou o seu preocupación por estes datos e fixo un chamamento a cumprir coas normas para evitar a propagación do Covid-19. Con todo, celebrou a melloría dos datos dos fins de semana.

En concreto, os días 21 e 22 de marzo foron interpostas un 51% das denuncias desa semana, mentres que o fin de semana do 28 e 29 baixaron ata un 34%. Pola súa banda, os días 4 e 5 de abril, a redución chegou ao 30%. Segundo indicou, isto demostra que o cumprimento é maior durante estes días, que coinciden cun aumento dos controis.

O día con máis denuncias foi o 22 de marzo, con 203. Así, aínda que tras esa data experimentaron un descenso durante varias xornadas, desde o día 28 todos os días superáronse as 100 denuncias excepto o día 31, cando se rexistraron 87.

Ante este aumento e con motivo da chegada dos festivos de Semana Santa, reforzáronse os controis nas estradas galegas.

O delegado do Goberno insiste en que quedar en casa "é o único xeito de frear o virus e de protexer a quen se están xogando a vida": o persoal sanitario, as forzas de seguridade e as persoas que traballan en servizos esenciais como alimentación ou transporte.

Por provincias, o maior número de denuncias produciuse en Lugo (655). Séguena A Coruña (618), Pontevedra (519) e Ourense (498).

Controis en Ferrol e A Coruña

Precisamente, este xoves, o Concello de Ferrol informou de que os controis na cidade permitiron detectar 17 infraccións ao comezo da ponte de Semana Santa.

Pola súa banda, a Policía Local da Coruña sancionou a 27 persoas na xornada do mércores por incumprir as normas de confinamento.

Comentarios