Trinta cociñeiros para converter Santiago na capital dos fogóns

A II edición de Compostela Gastronómica dará cabida a todo tipo de actividades relacionadas con este arte culinario na cidade de pedra

Este xoves comeza a segunda edición de Compostela Gastronómica: Festival da Cociña Galega, na que se reunirán case unha trintena de cociñeiros, tanto locais como nacionais, e realizaranse trece tipos de actividades, duplicando as da primeira edición.

O programa desta edición de Compostela Gastronómica conta con múltiples actividades para que todos os afeccionados á cociña poidan descubrir e gozar das variadas opcións gastronómicas que se ofrecen en Santiago.

A maior parte do programa desenvolverase na aula Gastronómica do Mercado de Abastos, un espazo moderno deseñado para dar cabida a todo tipo de actividades relacionadas coa gastronomía, como talleres para nenos e adultos impartidos por destacados cociñeiros e especialistas en diferentes áreas, ademais de catas, cursos de análise sensorial e presentacións de novos produtos.

Os días 16, 17 e 18 de abril, en horario de 12 a 15 horas, a nave 5 do Mercado de Abastos acollerá ademais o Espazo Gastro, un espazo habilitado especialmente para a ocasión no que máis de 20 restaurantes composteláns e galegos ofrecerán deliciosas receitas de cociña creativa elaboradas con produtos do Mercado de Abastos.

Os establecementos participantes no Espazo Gastro son A Vinoteca do Mercado, Bagos, A Huerta d'Obradoiro, Tapería Castelao, O Ferro, O Celme do Caracol, Os Caracois, La Cavita, Mesón A Charca, A Quinta da Auga, Quercus IP, A Tafona, Singulario, Resas, Reno, A Curtidoría, Caney e Garum. Como novidade, tamén estarán presentes dous prestixiosos restaurantes da Coruña, Bocanegra e Árbore da Veira.

Compostela Gastronómica tamén se celebrará en moitos restaurantes de Santiago grazas á ruta Menús de Mercado, coa que múltiples establecementos ofrecerán creacións especiais elaboradas cos mellores produtos de tempada do Mercado de Abastos a un prezo unitario de 18 euros.

Comentarios