O TSXG autoriza á Xunta a esixir o certificado covid no interior da hostalería

Galicia estenderá o uso do pasaporte, que xa está en vigor no lecer nocturno, en albergues e para os acompañantes de pacientes en hospitais 
Una clienta muestra su certificado covid en un local de hostelería. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Una clienta muestra su certificado covid en un local de hostelería. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a implementar o certificado covid para permanecer nos "interiores" de restaurantes e nos bares –neste caso a partir das 21.00 horas–. 

Deste xeito, a comunidade galega estenderá o uso deste pasaporte, que xa está en vigor en todo o lecer nocturno, nos albergues (para a ocupación do 100 por cen das camas en habitacións compartidas) e para os acompañantes e visitantes dos pacientes ingresados en hospitais

Unha vez que se publique a medida no Diario Oficial de Galicia (DOG), entrará en vigor ao día seguinte e estará vixente ata o 18 de decembro. Ata esta mesma data e desde este sábado estará en vigor a redución dos grupos máximos en hostalería e lecer nocturno así como nos eventos con cócteles. 

Neste caso, a medida xa foi publicada no DOG-bis deste xoves, xa que non necesita autorización dos tribunais. Así pois, desde este sábado, haberá un límite de oito persoas por grupo ou mesa nos interiores da hostalería, mentres que en terrazas será de 15 persoas (fronte ás 20 ata agora permitidas). 

 O certificado pedirase a todos os maiores de 12 anos, posto que é a poboación diana que xa puido acceder á vacinación.

ARGUMENTOS. A Sala entende que esta medida cumpre co requisito de temporalidade esixido polo Tribunal Supremo e destaca que non só cumpre a función de evitar "contaxios, senón tamén minimizar os riscos", pois recorda que é "unha evidencia científica" que a transmisión da covid-19 entre os vacinados é "moito menor á do non vacinados". 

Os maxistrados inciden en que esta medida permite "uns niveis maiores de ocupación (xa que non se reducirá o 100 por cen de aforamento), pero garantindo a seguridade sanitaria" e consideran que está xustificada porque a exhibición da documentación pídese para entrar en espazos pechados "nos que se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión da covid-19". 

Así, recorda que nestes espazos establécense "contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire no interior, nalgúns casos, e realización de actividades nas que é necesaria a retirada de máscara (ao comer ou beber) e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar)". 

No auto, tamén indican que este tipo de establecementos son "lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención", ao que "pode contribuír o consumo de alcol". 

Entre os seus argumentos, o TSXG asegura que a implementación da medida non supón "un sacrificio desproporcionado", pois a exhibición do certificado requírese "para o desenvolvemento dunhas actividades de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria". 

O alto tribunal galego tamén advirte no auto que a situación epidemiolóxica de Galicia está "a empeorar", polo que, segundo a sala, "as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é a hostalería, precisan continuar con medidas específicas de control".

CONTEXTO ESTACIONAL. Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso- administrativo sinalan que tampouco se pode restar importancia ao contexto estacional", pois limita a utilización de terrazas e espazos ao aire libre, "o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementar os niveis de ocupación e capacidade, co fin de evitar riscos de contaxios". 

Os xuíces tamén subliñan no auto, contra o que cabe presentar recurso de casación, que non constan "outras medidas alternativas menos gravosas". 

Comentarios