O TSXG obriga á Xunta a incluír persoal interino e temporal na carreira profesional

A CIG celebra a resolución e pide ao Goberno galego que sente a negociar 
Xunta de Galicia
photo_camera Sede da Xunta de Galicia en Santiago. ARQUIVO

A sección primeira da Sala de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu unha resolución que obriga á Xunta a incluír persoal funcionario interino e laboral temporal no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional

Este fallo, con data do 17 de marzo, chega tras o recurso presentado pola CIG ao acordo asinado entre Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema, que excluía interinos e temporais do dereito a solicitar e integrarse na carreira profesional e, xa que logo, de cobrar a mesma. 

O fallo remítese á doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea para considerar "discriminatoria a diferenza de trato entre o persoal fixo e o temporal no relativo á carreira profesional". E é que segundo a sala o determinante para acceder á carreira profesional non é se o posto se realiza con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal

Contra esta sentenza pódese presentar un recurso de casación ante o Supremo

Os fundamentos de dereito expoñen que a aplicación do sistema extraordinario ten que abarcar, con carácter universal, a todo o persoal, independentemente do seu vínculo xurídico, sempre que cumpra cos requisitos de ter cinco anos de antigüidade, sen que se poida producir discriminación polo vínculo temporal ou permanente coa administración. 

Contra esta sentenza cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo nun prazo de 30 días.

Nun comunicado, a responsable de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, considera "demoledora" esta sentenza, á vez que recorda que ese asunto foi unha das razóns pola que o sindicato nacionalista non asinou no seu día o acordo. 

Así as cousas, a central esixe ao Goberno galego que sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito do sistema extraordinario e que se recoñeza o seu dereito con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2019.

Zeltia Burgos espera que "isto sirva de acicate para sacar a CC.OO., UXT e a Xunta do limbo de inacción e se poña en marcha xa o sistema anticipado para o acceso ao grao II para todo o persoal, incluíndo as persoas dos subgrupos A1 e A2".

Comentarios