O TSXG prevé que o xuízo do caso Alvia arranque no primeiro trimestre de 2022

Está por decidir o espazo no que se celebrará o proceso, con 195 acusacións e 120 avogados
Operarios trabajando en la curva de A Grandeira, en Angrois. AEP
photo_camera Operarios traballando na curva de Angrois na que se rexistrou o accidente. AEP

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, asegurou que o xuízo polo accidente do Alvia ocorrido no barrio compostelán de Angrois en xullo de 2013, no que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas, "podería comezar no primeiro trimestre" de 2022

Así se pronunciou en declaracións aos medios tras manter unha reunión con xuíces en Santiago de Compostela e ao ser preguntado polas previsións para este xuízo despois de que a Audiencia Provincial da Coruña ratificase o peche da instrución sobre o sinistro. 

O presidente do TSXG explicou que, unha vez que se decrete o auto de apertura de xuízo oral —que se calcula que será antes de agosto—, "faranse os trámites necesarios para remitir o asunto ao xulgado do penal" de forma que "o xuízo podería comezar no primeiro trimestre" de 2022. Precisamente, segundo apuntaron fontes xudiciais, cando o asunto estea no xulgado do penal, iniciarase a organización do xuízo e decidirase o espazo no que se celebrará dada a dimensión da causa e as partes implicadas. 

Na súa intervención ante os medios, José María Gómez e Díaz-Castroverde afirmou que a duración que poderá ter este xuízo é "imposible de calcular" tendo en conta que "son 195 acusacións" e "120 os avogados que van intervir", ademais da Fiscalía.

A instrución do caso pechouse co maquinista e o exjefe de seguridade na circulación de Adif como únicos imputados

PECHE DA INSTRUCCIÓN. Nun auto con data do 26 de marzo que transcendeu aos medios a inicios de abril, a Audiencia Provincial da Coruña ratificou o peche da instrución sobre o accidente e mantivo como investigados o maquinista e o ex xefe de seguridade na circulación de Adif. A ambos, Francisco José Garzón Amo e Andrés Cortabitarte, impútanselles 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave. 

Deste xeito, os maxistrados rexeitaron os recursos presentados por varias partes contra o auto do xulgado de instrución número 3 de Santiago que puxo fin á investigación. Os xuíces tamén manteñen que hai "terminantes e plurais indicios" de que a causa do accidente foi exceso de velocidade e entenden que existía "un risco especial de descarrilamento" que non foi "percibido e atendido por Adif". 

Así as cousas, o xuízo oral abrirase contra estas dúas persoas: o maquinista do convoi, que aquel día circulaba cun exceso de velocidade tras atender unha chamada do interventor; e o exdirector de seguridade na circulación de Adif, ao que o instrutor atribúe a responsabilidade dunha avaliación de riscos deficiente na liña. 

Agora, tras o peche, o instrutor dá un prazo para presentar escritos de acusación e de defensa. Unha vez recibidos, estudarase a loxística para planificar o xuízo, en función da axenda do xulgado ao que competerá o caso.

Ao terceiro peche, o definitivo
En setembro de 2020, Andrés Lago pechou a investigación do accidente do tren Alvia. Era a terceira vez que este maxistrado —o segundo encargado de investigar a causa— daba por pechada a instrución. A primeira foi en outubro de 2015, co maquinista como único imputado. Na segunda, en decembro de 2018, xa contaba tamén co exresponsable de seguridade de Adif como imputado, tras a liña que lle marcou a Audiencia Provincial da Coruña no momento en que ditou a reapertura do caso. 

Denuncia 
Foi a denuncia dun extraballador de Talgo, quen asegurou que responsables da empresa ordenaron o borrado de avarías do tren pouco despois de sucedido o accidente, a que obrigou a reabrir a causa en novembro do ano pasado. Talgo sempre negou esas acusacións, pero o xuíz, ante a demanda da Audiencia, tomou declaración ao extécnico denunciante e a varios traballadores para tratar de dilucidar se ese borrado existiu ou non. 

Agora, é a propia Audiencia a que avala a súa decisión de considerar que estes feitos carecen de relevancia ao afirmar que existe unha causa baseada en terminantes "e plurais indicios" que "non resulta cuestionable, apta por si soa para xerar o descarrilamento", como era "a velocidade excesiva para a curva na que se saíu o tren da vía".

Comentarios