A UE alerta de que o consumo de cocaína en Galicia se duplicou nos últimos catro anos

As recentes análises efectuadas nas augas residuais de Santiago de Compostela así o confirman ► O repunte correspóndese coa "inundación" de alixos por parte dos narcotraficantes colombianos

Cocaína. EP
photo_camera Cocaína. EP

A finais de 2016, unha organización criminal composta por súbditos holandeses presentábase en Hostal dous Reis Católicos, en Santiago de Compostela, "blandiendo" billetes de 500 para pagarse os cafés. Os axentes do Greco Galicia seguíanos de preto. Viñan en busca de 3.000 quilos de cocaína propiedade do capo británico Gary Williams. Foi o primeiro episodio do que chamou "tormenta perfecta", tras as ordes da "Tolo" Barreira de volver alagar as rías galegas de cocaína. O consumo de po branco, que parecía estable ata 2015, comezou a subir de forma paralela ás incautacións, que, en 2017 e 2018, alcanzaron cifras que non se vían desde 2005. Ao mesmo tempo, a Unión Europea analizaba as augas residuais de varias cidades do continente para controlar o consumo. O European Monitoring Centre for Drugs and Drug Addiction (EMCDDA) desvela no seu máis recente traballo que en Galicia se pasan con claridade os 350 miligramos por cada 1.000 habitantes en 2018, mentres que en 2015 apenas se alcanzaban os 150. O incremento, que a nivel gráfico mídese tras analizar a presenza de metabolitos urinarios nas estacións depuradoras, tamén se rexistra no resto de rexións do Oeste e do Sur de Europa que sofren a presenza das mafias do narcotráfico, en especial en Bélxica, Reino Unido e Países Baixos, ademais de en outras comunidades españolas como Cataluña ou Valencia.

O mesmo estudo, que se efectuou en 2018 durante todos os días dunha semana, serviu para confirmar que a cocaína se consome moito máis entre o venres e o luns, descendendo moito a presenza dos citados metabolitos nas augas residuais galegas de martes a xoves. Segue sendo unha droga que se identifica co lecer e o fin de semana de forma maioritaria.

A UE destaca no seu informe que"entre 2011 e 2015 observouse unha tendencia relativamente estable no consumo de cocaína na maioría das cidades", coincidindo coa etapa na que os alixos de cocaína en dirección a Europa descenderan de forma drástica mercé, principalmente, á operación Tabaiba e outros operativos da Brigada Central de Estupefacientes e o Greco Galicia. "En 2016, rexistráronse os primeiros indicios de que este patrón estaba a variar", engade o informe. Os laboratorios de Colombia traballaban como nunca, o clan do Golfo facíase forte e en Europa, Sito Miñanco uniuse unha vez máis a outros grandes capos activos para introducir toneladas.

Pode, iso si, que as últimas actuacións policiais volvan a servir de freo.

gráfica

Gráfica da cantidade de cocaína detectada en Santiago entre 2011 e 2018

Muro de contención
As autoridades comisaron 49 toneladas en 2017, a metade delas dirixidas a Galicia
A operación Terrón Doce, que se saldou coa caída da célula pontevedresa do clan colombiano dos Boyacos (dependente do clan do Golfo) e a posterior operación Mito, coa caída da poderosa infraestrutura que volvera a entretejer Sito Miñanco, foron dous dos puntos crave que invitan a pensar que a actual situación de elevada presenza de cocaína en Galicia en particular e en España en xeral pode empezar a reverterse.

As autoridades comisaron unhas 49 toneladas de cocaína en 2017, ano no que se alcanzaron cifras que non se recordaban desde 2005. Desa cantidade polo menos 20.000 quilos estaban vinculados aos capos galegos, aínda que non se descarta que fosen máis.

Este mesmo ano, as autoridades caboverdianas atopábanse case por casualidade cun remolcador que transportaba preto de 10 toneladas, o maior alixo da historia xamais comisado nun barco. Os expertos atribúenllo a algún dos grandes clans galegos que seguen en activo, en colaboración con mafi as doutros países. Estas incautacións poden servir para mitigar o problema.

Comentarios