O popular Núñez Feijóo apupado na Facultade de Politicas da USC

feijoo_independentistas_dentro.jpg
photo_camera feijoo_independentistas_dentro.jpg

Ao redor dunha decena de mozos independentistas boicotearon este mércores durante media hora unha conferencia do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, na Facultade de Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.

Núñez Feijóo acudiu ao recinto universitario a pronunciar a conferencia aprazada na semana anterior por ''problemas de aulas'' esgrimidos desde a propia facultade sobre ''¿Que é a universidade para ti?''

Unha vez presentado polo organizador do acto, o presidente dunha organización estudantil e pola decana da facultade, Neves Álvarez, tres mozos cunha pancarta na que se lía a palabra ''Fascista'' coas cores da bandeira española comezaron a increpar a Núñez Feijóo.

30 minutos de interrupción
Durante os trinta minutos seguintes, e xa secundados por outros sete mozos, os intentos de Núñez Feijóo por impartir a súa conferencia foron interrompidos por berros como ''independencia'', ''fóra fascistas da universidade'' ou ''ilegalizad ao Partido Popular''.

Mentres se producían estes berros, a gran maioría dun auditorio ocupado por máis de duascentas persoas gritaban á súa vez ''liberdade'', ''que valentes sodes'' e ''xa se ve o demócratas que sodes''.

A destrución do emprego, o problema de Galicia
Xa na conferencia, o presidente do PPdeG trazou unha visión da situación actual de Galicia, na que botou de menos un proxecto común para a comunidade do actual goberno formado por PSdeG e BNG ''obsesionado con desfacer a herdanza'' do anterior Executivo liderado por Manuel Fraga.

Para Núñez Feijóo, o principal problema de Galicia é a destrución de emprego, polo que avogou por aplicar instrumentos que permitan á economía produtiva ser máis competitiva e crear postos de traballo.

O líder do PPdeG explicou que o seu proxecto pasa por apoiar ás familias, por ordenar o territorio de modo que se superen os localismos, por facer da Administración pública un ente ''eficaz'' e por lograr ''máis autogoberno'' e mellorar a calidade democrática.

Para lograr estes obxectivos, e xa durante o debate cos alumnos, Núñez Feijóo apostou por terminar cos ''caciquismos vellos e novos'' que hai en Galicia.

Comentarios