Unha folga paraliza a fábrica de Vestas en Viveiro

A folga convocada polo comité de empresa mantén parada a fábrica de xeradores para turbinas eólicas que a multinacional danesa Vestas ten no lugar de Chavín, no municipio de Viveiro.

Só nove dos 244 empregados do persoal acudiron onte ao seu posto de traballo e hoxe só un deses operarios entrou na factoría.

Así o confirmou a EFE o presidente do comité de empresa, Julio López, quen recordou que a folga foi convocada para os días 15, 16, 17, 22, 23 e 24 de xullo, como consecuencia da imposibilidade de chegar a un acordo coa patronal para acordar un convenio colectivo que leva "ano e medio en proceso de negociación".

Segundo o presidente do comité, "a empresa non se moveu nos últimos seis meses" da proposta que puxo encima da mesa e que foi rexeitada por unha ampla maioría da asemblea de traballadores, dado que só contou con catro votos a favor.

Esa proposta, explicou Julio López, contempla medidas como incrementar a xornada laboral en dúas horas, de forma que os traballadores terían quendas de seis da mañá a catro da tarde e de dúas da tarde a doce da noite.

Ademais, tamén incluiría unha cláusula de flexibilidade "de duascentas horas ao ano" e a obriga de acudir "ao traballo os sábados", propostas que sumadas, segundo o comité, permitirían á empresa dispor dos seus traballadores en calquera momento.

Para esta semana, o comité convocou unha concentración ante o Concello de Viveiro, que terá lugar mañá a partir das once.

Comentarios