Unha concelleira de Teo dimite tras transcender unha conversación de móbil cunha veciña

"Non podo continuar nun equipo que xa non confía en min", explicou Salomé Beiroa, que asegura que non criticou "en público ou privado o labor" do equipo de goberno

A concelleira do goberno de Teo Salomé Beiroa presentou a súa dimisión no Concello logo da perda de confianza ocasionada despois de que transcendese unha conversación de móbil que, segundo figura no seu escrito de renuncia, estaba sesgada.

Beiroa explica no seu comunicado, que pecou de "boa fe", pero que como traballadora municipal e como concelleira (esta lexislatura) sempre "defendeu o interese xeral e o ben común". Ademais, lamenta que "xente" que coñeceu noutros ámbitos da súa vida privada "se aproveitase da súa boa vontade".

A situación orixinouse por mor dunhas denuncias presentadas por unha veciña de Teo no ámbito urbanístico. Esta muller chegou a falar nun pleno municipal e insinuar que tiña conversacións coa concelleira, sobre as cales finalmente acabou transcendendo un pantallazo de móbil correspondente a parte dunha delas.

Posteriormente, este luns houbo unha reunión do grupo de goberno na que se abordaron as últimas informacións respecto diso e na que o goberno local que preside Rafael Sisto trasladoulle, como recolle o comunicado de Salomé Beiroa, a "ruptura de confianza" pola repercusión da conversación.

"Pola miña banda, tampouco eu podo continuar nun equipo que xa non confía en min, porque se trata dun elemento indispensable para o seu bo funcionamento", afirma Beiroa no escrito de renuncia, que foi publicado na web do Concello de Teo.

Salomé Beiroa tamén asegurou que "en ningún contexto" criticou "en público ou privado o labor deste equipo de goberno nin tampouco de ningún traballador ou traballadora municipal".

Comentarios