Varios grupos ecoloxistas crean unha plataforma de protesta contra a incineradora do Irixo

Colectivos ecoloxistas de toda Galicia presentaron este luns en Ourense a Plataforma Galega Contra a Incineración, que trata de sumar "esforzos" contra a instalación da planta incineradora do sur de Galicia no municipio ourensán do Irixo e que suporía a segunda destas características na Comunidade galega.

Nun acto celebrado esta mañá no Auditorio municipal, integrantes dos máis de vinte colectivos que integran na actualidade a plataforma expresaron o seu rexeitamento ao modelo de incineración. "O obxectivo da plataforma é dar unha visión galega a algo que polo momento ten un contexto local", explicou Anxo Saborido, coordinador da Federación Ecoloxista Galega (FEG).

Segundo asegura a plataforma, a instalación das plantas incineradoras leva aparellada un aumento do "perigo dos residuos", ademais de que non é sostible desde do punto de vista ambiental.

Nun manifesto, explican que as emisións afectan as terras de cultivo e alimentos nun "radio de 10 quilómetros", sumado á necesidade de instalar "macro-vertedoiros" para depositar as verteduras non tratados. Critican o "alto custo" que supón construír a planta e o seu mantemento, que ao final teñen que acabar "sendo sufragado por concellos", en moitos casos "afogados polas débedas".

Finalmente, a plataforma alude á  "miserable" creación de postos de traballo, fronte aos que xera unha planta de compostaxe. Así, "mentres "en Sogama traballan 91 persoas", na planta de compostaxe de Lousame "fano 150", o que supón, din, que "por cada 100.000 toneladas", créanse 15 empregos, "o cociente máis baixo de todas as incineradoras do Estado".

Fronte a este modelo, a plataforma manifestou o seu defensa pola creación de plantas para redución, reciclaxe e reutilización dos residuos.

A nova plataforma súmase así aos numerosos colectivos e plataformas cidadás que hai na actualidade contra a instalación da planta.

Comentarios