As vítimas do Alvia cren que Feijóo debe explicar "a intromisión" na elección dos peritos

O portavoz da asociación mostra o seu optimismo de face á semana na que arrinca a comisión de investigación no Congreso sobre o accidente do Alvia e recorda que as "responsabilidades política non teñen que ver coa responsabilidade penal dun homicidio imprudente de 80 persoas"

Protesta de las víctimas del Alvia en la compostelana Praza do Obradoiro. AEP
photo_camera Unha protesta das vítimas do Alvia. AEP

As vítimas do accidente do tren Alvia consideran que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, debería figurar na lista de comparecentes na comisión de investigación sobre o sinistro ferroviario que deixou 81 mortos e máis dun centenar de feridos hai case cinco anos na curva da Grandeira, na parroquia de Angrois de Santiago.

"Botamos en falta que non estea o señor Núñez Feijóo porque si entendemos que habería algunhas cousas que tería que dar resposta", indicou este domingo o portavoz da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, Jesús Domínguez, nunha entrevista na Radio Galega na que indicou que o xefe do Goberno galego debería explicar "a intromisión" da Xunta na elección dos peritos xudiciais.

Domínguez recordou que a Xunta "impuxo uns peritos xudiciais e non permitiu que fosen todos por sorteo, e os que puxo o xuíz Aláez dixeron que non". A continuación, puxo o foco nos peritos nomeados polo Executivo galego foron desacreditados pola UE ao determinar que o seu informe non fora "independente" e non analizaba "as causas naturais" do sinistro.

Nesta liña, incidiu en que "o único perito" escollido a través de sorteo presentou "un informe demoledor" que sinalaba que non se realizou unha análise de riscos na curva da Grandeira, lugar no que descarrilou o tren na tarde do 24 de xullo de 2013, no momento en que se desconectou o sistema de seguridade.

Ante o inicio da comisión de investigación no Congreso sobre o accidente do Alvia, que arrinca este martes, Jesús Domínguez mostrou o seu optimismo de face a que as "responsabilidades políticas", que cre que existiron, sexan depuradas.

"Isto ten unha serie de responsabilidades políticas que evidentemente non teñen nada que ver coa responsabilidade penal dun homicidio imprudente de 80 persoas. Pero si que hai unha serie de decisións dos diferentes gobernos que tiveron unha incidencia tanto no accidente como na xestión a posteriori", remarcou o portavoz. 

Comentarios