Vigo recibe unha onda de turistas coa visita do maior cruceiro do mundo

Unha marea de turistas toma desde primeira hora as rúas de Vigo coa escala do Oasis of the Seas, o maior cruceiro do mundo, e do Celebrity Infinity, xa que entre ambos suman 17.200 visitantes entre pasaxe e tripulación. As zonas adxacentes ao peirao de transatlánticos locen ateigadas de turistas que son recibidos con multitude de actividades de lecer e culturais, como agrupacións folclóricas, bandas de música, zancudos, postos de artesanía e de comida tradicional.

A chegada do Oasis of the Seas, un coloso de 362 metros de eslora, produciuse ás 7.00 horas, e ao mediodía atracou en Vigo o Celebrity Infinity. A Autoridade Portuaria de Vigo, de acordo cun estudo realizado pola Universidade sobre o impacto da actividade crucerística na cidade, estima que a repercusión desta dobre escala na economía local podería roldar o millón de euros.

Non en balde, o Oasis of the Seas, o cruceiro máis grande do mundo xunto ao seu buque xemelgo Allure of the Seas, ambos da Royal Caribbean, ten unha capacidade -12.000 persoas- superior á suma de todos os establecementos hostaleiros de Vigo que, segundo datos do INE, dispón de 4.120 prazas.

A de hoxe é a primeira das dúas escalas previstas en Vigo do Oasis of the Seas, que volverá o 18 de outubro, cando porá punto final á súa etapa por Europa, na que pasaría por Vigo, Málaga, Barcelona, Civitavecchia (Roma), Nápoles, Róterdan e Southampton.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declarou aos medios tras visitar o Oasis of the Seas que "non había mellor forma de celebrar" o Día Mundial do Turismo que con esta dobre escala, como tampouco de acreditar que o porto de Vigo "está en condicións de recibir a calquera cruceiro do mundo".

Feijóo felicitouse de que Vigo e Galicia estean "na elite das grandes compañías mundiais de cruceiros" e fixo votos por que nas cartas de navegación dos grandes operador "se vaian consolidando" os portos galegos. Recordou que segundo datos acumulados ata xullo, Galicia recibiu ao longo do ano a 140.000 cruceristas, o 40% do total en Vigo.

Comentarios