O Concello de Vigo suspende o mercadillo de Bouzas do domingo

O alcalde da cidade, Abel Caballero, sinala que non quere que "se volva repetir" un enfrontamento entre os Moróns e os xitanos zamoranos, logo do tiroteo que tivo lugar ao finalizar o mercado do mércores en Coia

O goberno local de Vigo acordou este xoves suspender a celebración do mercadillo de Bouzas o vindeiro domingo como "medida de precaución" tras o tiroteo do mércores no que un feirante resultou ferido de bala.

Nun comunicado, a corporación viguesa expón que a pesar de constatar que existe un "clima de tranquilidade" na cidade, cre necesaria a adopción de "medidas de precaución", e xa que logo acorda suspender o mercadillo do domingo en Bouzas.

O alcalde, Abel Caballero, avanzara pola mañá que antes de tomar unha decisión quería ouvir á Policía e aos "ámbitos responsables", así como ter un diagnóstico de "o que está a provocar" a situación de enfrontamento entre os clans xitanos dos "morones" e os "zamoranos".

Tamén dixo que no goberno local non están dispostos a permitir que se volva a repetir o que sucedeu onte. De ningún modo", referíndose ao suceso do mércores.

Unhas palabras que dixo despois de que a alcaldesa do Porriño, a tamén socialista Eva García da Torre, apelase a todos os municipios onde se celebran mercadillos que non os suspendan para así non "dar cancha" a "un grupo que extorsiona" a unha colectividade de xitanos que, afirmou, "quere vivir a súa vida en liberdade".

O de Cangas, Xosé Manuel Pazos, confirmou a suspensión do mercadillo tras a disputa da semana pasada que reavivou a histórica rivalidade entre os bandos, mentres que o de Tui celebrouse hoxe coa ausencia de ambos os grupos.

Comentarios