Vigo suspende o mercadillo de Coia para evitar "novos incidentes"

O Concello fala dunha medida de carácter "excepcional", mentres non se dispoña de "información precisa" sobre o tiroteo do pasado día 23 no que resultou ferido un membro dos xitanos zamoranos

O Concello de Vigo decretou a suspensión este mércores do mercadillo da Bouza, no barrio de Coia, "de xeito excepcional" e para evitar "novos incidentes de orde pública", como o tiroteo da semana pasada na VG-20 no que resultou ferido un membro do clan xitano dos "zamoranos".

O decreto de suspensión alega que ao estar aberta a investigación policial sen que de momento transcendan datos que permitan "descartar razoablemente a superación das causas" que orixinaron o conflito, acórdase esta medida para evitar "eventuais novos accidentes".

Unha suspensión de carácter "excepcional" mentres non se dispoña de "información precisa" sobre a orixe dos "gravísimos incidentes" do pasado día 23.

O Concello de Vigo xa suspendeu o mercadillo do barrio de Bouzas do domingo pasado.

Namentres, o do Porriño celebrouse este martes con normalidade e coa presenza dos xitanos "zamoranos".

Nin sequera foi necesario un reforzo policial para o normal desenvolvemento do mercadillo, no que non houbo presenza do clan dos "morones", enfrontado co dos "zamoranos".

A semana pasada, a alcaldesa do Porriño apelou a todos os municipios onde se celebran mercadillos que non os suspendan para así non "dar cancha" a "un grupo que extorsiona" a unha colectividade de xitanos que "quere vivir a súa vida en liberdade".

A raíz do tiroteo de Vigo houbo división de criterios, xa que os alcaldes de Cangas e Vigo acordaron suspender os mercadillos por razóns de seguridade, mentres que en Redondela e Tui, entre outros, si se celebraron.

O delegado do Goberno, Santiago Villanueva, garantiu este luns que os corpos e forzas de seguridade estarán "atentos" ao conflito entre vendedores ambulantes e que porán "todo" da súa "parte" para garantir a seguridade.

Villanueva recoñeceu que o conflito é "un tema preocupante" e que o tiroteo da semana pasada tras a celebración do mercadillo de Coia foi "un feito grave", e engadiu que "a lei é para todos".

Tamén este luns se celebrou a primeira reunión dun órgano conxunto entre os corpos de seguridade e a Fiscalía para facer un seguimento a esta problemática.

Comentarios