Villares nega un "bloqueo" do Consello das Mareas

Espera que na reunión do domingo se elixa a coordinadora e asegura que "moi pronto" se nomeará ao portavoz orgánico
Villares, a su llegada a la rueda de prensa que ha ofrecido este lunes
photo_camera Villares, a su llegada a la rueda de prensa que ha ofrecido este lunes

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, negou que exista un "bloqueo" do Consello das Mareas e, fronte a iso, asegurou que convocar este órgano "é un desexo compartido" de todos os seus membros.

Así se pronunciou ao ser preguntado polos xornalistas sobre a carta feita pública por varios membros deste órgano o pasado sábado, na que piden "desbloquear" o Consello das Mareas para acabar coa "inacción" e "pasividade" na que se atopa. Respecto diso, o portavoz parlamentario de En Marea sinalou que a data que propoñen os asinantes do documento para a reunión, o vindeiro domingo, día 2 de abril, "xa se barallaba" na medida na que "había un acordo para que fose esa fin de semana". Así mesmo, asegurou que "parte da inquedanza que se transmite" é "compartida" por todos os membros deste órgano, "na medida na que é necesario botar a andar a dirección e que esa dirección se faga con total normalidade e con respecto aos estatutos da propia organización".

"Fálase como se existise un bloqueo que se cualifica de inexplicable e eu non falaría de bloqueo e moito menos de inexplicable", apuntou Villares, que replicou aos asinantes do documento que si "houbo un funcionamento" desde a constitución do Consello das Mareas con "varias reunións".

Con todo, sinalou que, no seo do Consello, foi formulada "unha determinada composición" que "non se axustaba aos estatutos" e que "merecía unha reflexión colectiva" sobre se establecer "un sistema de funcionamento que respectase a vontade das persoas inscritas". "E iso foi ou que fixemos durante estas semanas, establecer ou buscar un sistema que acomodase os criterios de funcionamento ao establecido nos estatutos e á vontade das persoas inscritas", indicou.

Tras iso, destacou que espera que na reunión deste domingo se compoña a coordinadora que permita o "funcionamento ordinario dos órganos executivos conforme aos criterios establecidos nos estatutos", de "proporcionalidade na composición". "Iso dará lugar ao fortalecemento da organización do espazo da confluencia de En Marea que todos estamos desexando", sinalou para destacar que, se esta fin de semana non se elixe ao portavoz orgánico da formación, farase "moi pronto".

Precisamente, a elección do portavoz orgánico da formación é o principal punto de discrepancia que existe entre os integrantes do Consello das Mareas. Así, mentres que membros da candidatura que capitaneou Villares para o proceso interno, Maís Alá!, son partidarios de que se respecte o documento asociado a esta lista que impedía compatibilizar este papel co de portavoz parlamentario, as persoas que concorreron polas listas Queremos Participar e Somos Maioría se apostan por que o exmaxistrado lucense ocupe ambos os cargos.

Comentarios